CULTURA

Mopa inaugura o SCQ Danza no Teatro Principal con "(espérame despierto)"

17/02/2011 O ciclo SCQ Danza, que organiza a concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, arrinca o venres 18 no Teatro Principal coa compañía Mopa. Será ás 21:00 horas coa presentación de (espérame despierto). É o primeiro dos sete espectáculos que a Concellaría ofrece este semestre dentro do programa SCQ Danza dedicado á danza contemporánea.

O público compostelán poderá gozar co espectáculo da compañía andaluza Mopa, que nos ofrecerá (espérame despierto), unha reflexión sobre as relacións e a súa cotidianeidade. No espectáculo, dous personaxes adormecidos parecen alleos aos que testemuñan a intimidade do seu diálogo, que levan a cabo cunha linguaxe propia. Así, o público acompañaraos na súa vida cotiá, as súas actividades e a relación que entre eles se establece. Mopa naceu no 2002 nun obradoiro para Mirjam Berns. Dende aquela son xa varias as súas producións e os premios recibidos.

Despois de Mopa a seguinte quenda -11 de marzo- é para o Centro Coreográfico Nacional de Caen, que representará Manta, da coreógrafa Héla Fattoumi, que trata sobre o hiyab e o sometemento das mulleres no mundo árabe. O 17 de marzo será o momento de Métanse nos seus asuntos, o primeiro espectáculo da Compañía Nuria Sotelo, un solo interpretado pola bailarina homónima e dirixido e coreografado por Ana Vallés. E en abril, o 29, Traspediante presenta Habelas, unha peza escénica multidisciplinar, con música en directo, proxeccións audiovisuais e maxia.

Maio será o mes de Slovaks Dance Collective, unha das poucas compañías profesionalizadas de Eslovaquia, que conta con seis membros da mesma familia. Chegan a Compostela grazas a un acordo entre diferentes programadores do Estado e traen dous espectáculos no peto: Within (Dentro, o 4 de maio) e Journey Home (Viaxe a casa, o 5 de maio).

A última representación da temporada correrá a cargo de Experimentadanza coa peza Inoxidable, unha metáfora que compara as relacións humanas cunha materia orgánica.

Compartir: