TURISMO

Santiago estará presente dun xeito destacado no Fòrum Gastronòmic Girona 2011

17/02/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, acompañado da xerente de Turismo de Santiago, Maruxa Ledo, presentou as actividades coas que Turismo de Santiago promocionará a cidade no Fòrum Gastronòmic, que terá lugar en Girona do 20 ao 23 de febreiro, onde Santiago de Compostela terá unha presenza destacada. Esta edición é un novo paso na traxectoria do Fórum, que se iniciou no 1999 e que dende o 2008 celébrase alternativamente en Santiago e Girona.

Turismo de Santiago contará cun stand co que promocionará a oferta turística de Santiago, e en especial a súa ampla oferta gastronómica, seguindo coa liña estratéxica de Turismo de Santiago de posicionar a cidade como un referente no turismo gastronómico internacional. Ademais, será o primeiro paso oficial do Fórum Gastronómico 2012, que está previsto que se celebre en Compostela no 2012. Para conxugar o valor gastronómico da cidade e a idea de que xa se está traballando no vindeiro Fórum, escolleuse o lema "Algo se está a cocer en Santiago", que se empregará en catro idiomas: galego, castelán, castelán e inglés.

O expositor constará de dúas áreas principais: unha para a promoción dos diferentes atractivos turísticos da cidade, entre elas o 800 aniversario da Consagración da Catedral e a Cidade da Cultura, e outra concibida coma un pequeno restaurante onde se poderán degustar distintos produtos da gastronomía galega. Polas mañás haberá degustacións de Tarta de Santiago e café Candelas. Entre as doce e as catro da tarde servirase polbo, cedido polo empresario compostelán José Bermúdez, e entre as seis e as oito da tarde será o momento das tapas, fomentando a cultura do tapeo en Santiago, que é unha das liñas nas que se está traballando dende Turismo de Santiago. Ademais, serviranse viños de Viña Costeira, Señorío de Rubiós, Sin Palabras e Mar de Envero.

O cociñeiro responsable deste pequeno restaurante será Manuel Oliveira, da Tapería Castelao, que recibiu o Premio á Mellor Tapa do Público de Santiago(é)Tapas 2010, coa "Hamburguesa de xoubiña", e o Premio Galicia Calidade do certame en 2009, coa "Brocheta de luriñas con maionesa verde de algas e pó de nori". No servizo ao público colaborarán alumnos da Escola de Hostalería de Girona.

Cea de presentación
O día 21 visitará o Fórum unha delegación compostelá, encabezada polo alcalde e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, na que participarán representantes da Asociación de Hostalería, así como patrocinadores e colaboradores de pasadas edicións do Fórum Compostelán. Ese día terá lugar unha cea de inauguración do Fòrum, preparada por Joan, Josep e Jordi Roca, do restaurante El Celler de Can Roca, que ten tres estrelas Michelín, Paco Pérez, do Restaurante Miramar, que ten dúas estrelas Michelín, e Marcelo Tejedor, do compostelán Casa Marcelo.

Nesta cea, na que se fusionarán a gastronomía galega e a catalá, presentarase aos 140 asistentes, profesionais do sector e xornalistas, o vídeo promocional da cidade Santiago é Grande e un making off do Fórum Gastronómico 2010, ao que asistiron 17.000 persoas no recinto feiral de Amio, e no que ademais participaron 15.000 persoas nas actividades paralelas do Fórum Cidade.

2,5 millóns de euros de impacto comunicativo
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo fixo tamén un balance dos resultados da pasada edición do Fórum Gastronómico, que tivo lugar entre o 20 e o 24 de febreiro en Santiago. Segundo Iglesias, entre o 3 de febreiro e o 2 de marzo de 2010 recolléronse 766 informacións sobre o Fórum en 344 medios de comunicación de todo tipo: prensa, radio, televisión, internet, e con repercusión galega, estatal e internacional. Estas informacións supuxeron uns 95 millóns de impactos comunicativos sobre a audiencia. O valor comunicativo estimado destes impactos é de 2,5 millóns de euros.

O concelleiro apuntou tamén que o impacto do Forum foi máis aló do mes de febreiro de 2010 e máis aló da súa repercusión comunicativa. "As dúas edicións do Fórum, máis as tres edicións do concurso de Santiago(é)Tapas, máis as diversas accións vinculadas coa gastronomía que temos feito nos últimos anos, están dando os seus froitos. Hoxe Santiago é un destino coñecido tamén pola súa oferta gastronómica, pero ademais todo este dinamismo está motivando a creación de novos establecementos na cidade, cunha oferta gastronómica variada e de calidade", dixo Iglesias.

Compartir: