INFRAESTRUTURAS

As obras da entrada do AVE na cidade obrigan a restrinxir a dous carrís un pequeno tramo da rúa Amor Ruibal

17/02/2011 A partir da media mañá do luns 21 quedará restrinxido a dous únicos carrís (un en cada sentido) un tramo de 30-40 metros da rúa Amor Ruibal, xusto por debaixo do paso superior polo que circula o tren. Precisamente, o motivo desta restrición son as obras para a ampliación deste tramo de vías, polas que entrará o AVE na estación compostelá.

Os concelleiros de Infraestruturas, Bernardino Rama, e de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, acompañados de Raúl Carracedo, xefe de Obra de Puentes y Calzadas (empresa responsable das obras da entrada do AVE en Santiago), explicaron as principais características desta obra. Trátase de preparar as pilastras sobre as que logo se colocarán as cimbras que soportarán as vías. Ampliarase en seis metros o ancho da ponte actual, que terá unha amplitude final duns 20 metros, indicou Carracedo. Esa ampliación dará continuidade á xa realizada no viaduto de Ponteperiña.

Rama indicou que o prazo previsto das obras é de catro meses, pero traballarase para reducir este prazo. Con este fin e tamén para afectar o menos posible ao tráfico, realizaranse labores nocturnos.

A restrición a dous carrís deste pequeno tramo ten como obxectivo principal garantir o paso peonil en ambos sentidos. Os corredores para os peóns quedarán debidamente separados das obras mediante barreiras New Jersey e valas metálicas con malla de ocultación.

Pola súa parte, a concelleira de Circulación Viaria recomendou aos condutores o uso no posible do vieiro Clara Campoamor, especialmente agora que esta restrición coincide coa redución temporal tamén a dous carrís do Hórreo por mor das obras do paso inferior.

Finalmente e tamén en relación ás obras do AVE, o edil de Infraestruturas anunciou para o mércores 23 a apertura ao tráfico rodado da zona de Angrois, onde actualmente só se permite o paso peonil.

Documentos relacionados



Compartir: