ALCALDÍA

A Asemblea Xeral do Eixo Atlántico aprobará en Santiago de Compostela un orzamento de catro millóns de euros para 2011

08/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participará o xoves 10 na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que se celebrará ás 10:00 horas no Hotel Monumento San Francisco. Na reunión aprobarase un orzamento para 2011 que ascende aos 3,95 millóns de euros, tal e como aprobou con carácter previo a Comisión Executiva na súa xuntanza de xaneiro.

Dos preto de catro millóns de euros do orzamento, só 532.000 euros (o 12%) proveñen das cotas que achegan os 34 concellos, galegos e portugueses, que integran o Eixo Atlántico, reducíndose neste exercicio a porcentaxe das súas contribucións en dous puntos (do 14 ao 12%).

O groso do orzamento da entidade transfronteiriza xérase con recursos externos captados en proxectos europeos, convenios coa Xunta de Galicia e acordos con entidades privadas. Na Asemblea serán presentados os catro novos proxectos europeos aprobados para este exercicio, que se suman aos seis que se executan dende 2010.

Os proxectos europeos que implican máis inversión destínanse as áreas de desenvolvemento sostible, sociedade da información, innovación e cultura, deportes e turismo.

Entre as actuación principais previstas para 2011 destacan tres liñas estratéxicas que promove a Comisión Europea no documento estratéxico Europa 2020, e que son determinantes para preparar cidades competitivas para la saída da crise: innovación, desenvolvemento sostible e eficiencia enerxética.

O programa do Eixo Atlántico continúa o impulso á cooperación transfronteiriza a través de actuacións en materia de Cultura (Capitalidade Cultural do Eixo Atlántico, Bienal de Pintura, Fototeca), deportes (Xogos do Eixo) e turismo.

No ámbito da cooperación internacional, o Eixo Atlántico reforza a súa posición como lobby en España e Portugal a través do impulso á Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET, creada en 2009, na que o secretario xeral do Eixo Atlántico exerce tamén a secretaría xeral.

Participación no Libro Branco da Cooperación Europea
A Conferencia de Redes de Cidades Europea Transfronteirizas, CECICN, que o Eixo Atlántico impulsa, está sendo consultada na programación dos fondos europeos para o período 2014-2020 e na elaboración do Libro Branco da Cooperación Europea, na liña que avanzaron aos responsables da entidade o comisario de Política Rexional, Johannes Han, e a presidenta do Comité das Rexións, Mercedes Bresso, na súa visita a Bruxelas en decembro.

Medallas de Ouro e visita á Cidade da Cultura
Na clausura da Asemblea Xeral, o xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, e o ex ministro de Economía de Portugal, Luis Braga da Cruz, serán distinguidos coas Medallas de Ouro do Eixo Atlántico. Logo, os asistentes realizarán unha visita á Cidade da Cultura.

Compartir: