CONSORCIO

Compostela a través da ollada persoal e orixinal de David Pintor

08/02/2011 O Consorcio de Santiago e a editorial Kalandraka coeditan Compostela, un orixinal libro de ilustracións realizadas por David Pintor. Trátase dunha colección de 30 debuxos que plasman diferentes vistas do casco histórico compostelán, coa ollada persoal e orixinal de David Pintor, quen recrea os espazos xerando ambientes de ensoño.

Ademais da Catedral, o libro percorre edificios e recunchos senlleiros, como o CGAC, a Facultade de Xornalismo, a cafetería Derby ou a terraza do Hotel Costa Vella. Tamén as prazas do Obradoiro e da Quintana, a Alameda e as rúas de Xerusalén, Nova, Vilar ou Entrerrúas, entre outras.

David Pintor ten aos seus 35 anos unha traxectoria importante no mundo do debuxo: recibiu os premios da Society of New Design e Hermes de humor gráfico. En 2010 foi nomeado ilustrador do ano Cittá del Sole.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o libro nun acto celebrado no Centro Social Novacaixagalicia e no que tamén participaron o autor e ilustrador do libro, David Pintor; o editor de Kalandraka, Xosé Ballesteros; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde.

Compartir: