MEDIO AMBIENTE

O Parque de Belvís conta xa cunha renovada área de xogo para os máis pequenos

01/02/2011 Os alumnos e alumnas dos colexios Vilas Alborada e Compañía de María foron os protagonistas da estrea do novo parque infantil de Belvís, un equipamento que substitúe ao existente anteriormente, que xa se fora deteriorando pouco a pouco despois de máis de 12 anos de intenso uso. Tal e como comentou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, "o propio parque estaba a pedir en silencio a súa reposición e xa de viva voz estaba a ser unha demanda da veciñanza e usuarios da zona, así como das asociacións do barrio"

A edil explicou tamén que no novo parque, que agora ocupa case 500 metros cadrados, "incorporamos novos elementos de xogo, uns para nenos de 1 a 6 anos e outros para nenos de 6 a 12 anos", destacando "as randeeiras con suxeición, a randeeira de uso conxunto e apto para nenos con discapacidade" e un conxunto de "elementos diferentes dos que existen noutros parques da cidade", xunto con outros "elementos de multixogo". Instalouse un "chan de caucho alternando con madeira nas zonas de descanso e de uso para persoas adultas", acompañado dun areeiro, zona que sempre é moi agradecida e ben valorada polos máis pequenos".

"Un novo espazo para o xogo, un espazo para divertirse ao tempo que as crianzas avanzan en psicomotricidade, en comunicación, en autonomía e en socialización. Unha socialización que tamén chega ás persoas adultas que as acompañan, que mentres atenden aos seus xogos poden botar un parrafeo, intercambiar opinións ou concertar unha nova cita. Para eles están pensados os bancos que se integraron no espazo", concluíu a concelleira de Medio Ambiente.

O parque de Belvís
O parque de Belvís, cunha superficie total de máis de 7 hectáreas, é unha zona verde situada nas marxes da cidade histórica a menos de cinco minutos a pé do Mercado de Abastos e a uns 10 minutos da Catedral. Un parque que forma unha valgada marcada polo regato do Cancelón, con moitos elementos e potencialidades que se van desenvolvendo paulatinamente, sempre conservando os elementos de valor e os diferenciais, como algunhas árbores idosas .

O propio nome do parque, Belvís, semella proceder da expresión bela vista, o que é moi apreciable dende a parte alta do parque ou dende a rúa homónima. Esta área verde conta hoxe cun miradoiro, pérgola de glicinia na parte alta, con dúas zonas de hortas, unha na beira esquerda do regato e outra na beira dereita. Na zona Sur unha parte do antigo curtidoiro foi rehabilitado para funcionar como futuro Centro de Interpretación Medio Ambiental, que se abrirá nos próximos meses.

Xa entre o curtidoiro e a calexa das trompas, pasados labirintos de camelias, vaise rehabilitar un antigo secadoiro. As terrazas utilízanse os martes para desenvolver os mercados de luscofusco, con produtos ecolóxicos, de tempada e de comercio xusto, e a carón das hortas vaise desenvolver un campo de fútbol, mellorando o equipamento actual. Agora, co novo parque infantil, hai unha razón máis para usar este parque, aproveitable mesmo para facer unha pausa antes ou despois de facer a compra na praza de Abastos ou no mercado de luscofusco ou cando se pasa por el utilizando o Itinerario Verde Urbano. Accédese dende a Virxe da Cerca polas Trompas ou a Tafona, dende San Pedro pola igrexa, dende Belvís por distintos puntos, e mesmo se pode acceder en coche, para o que hai un aparcadoiro no propio parque.

Compartir: