XUNTA DE GOBERNO

Convenio con Boqueixón para o abastecemento de auga en Marrozos

01/02/2011 A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o de Boqueixón para o abastecemento de auga potable á zona de Marrozos. Na mesma sesión deuse o visto bo ao convenio que materializa a achega autonómica en virtude do Estatuto de Capitalidade.

O convenio para o abastecemento de auga potable á zona de Marrozos fixa a colaboración para que a concesionaria do servizo en Boqueixón subministre o servizo a esta zona limítrofe do municipio compostelán, de complicada orografía. De tal xeito, a facturación derivada desta prestación realizarase a trimestre vencido unha vez efectuado o mesmo.

A factura por este servizo asumiraa Aquagest, na súa calidade de concesionaria do servizo de abastecemento de auga potable do Concello de Santiago de Compostela. O vixencia do convenio é de cinco anos prorrogables.

Capitalidade
A proposta da concelleira de Facenda, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia pola que esta achega 2.703.000 euros en virtude do Estatuto de Capitalidade. Esta contribución diminúe respecto ao exercicio 2009, na que a cantidade fixada foran 3.180.000 euros.

Promoción Económica
En materia de Promoción Económica, acordouse solicitar unha subvención de 128.532 euros ao Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE) para o proxecto de mobilidade Leonardo da Vinci, dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente 2011.

Igualdade
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a contratación dunha psicóloga para o Centro de Información ás Mulleres (CIM) por un período de seis meses prorrogables a dez.

Documentos relacionados



Compartir: