CULTURA

Implicate: noite de música e palabras solidarias

15/12/2005 O Auditorio de Galicia acolle o domingo. 18 de decembro, a partir das 20.00 horas o espectáculo "Implícate: noite de música e palabra solidaria" coa que se pretende dar a coñecer o traballo de "Implicados/as no desenvolvemento" (IND) e fortalecer o vínculo do mundo da cultura galega coa solidariedade feita desde Galiza.

Yolanda Castaño e Ernesto Chao presentan esta gala na que conviven música, teatro, poesía e danza: gozaremos da voz de Uxía Senlle, Mercedes Peón, Abe Rábade Trío, e o trío Nordestin@s, integrado por Abe Rábade, Ugia Pedreira e Guadi Galego. Tamén participan o dúo cómico Mofa e Befa, e Pepa Yáñez e Davide Salgado co seu Cabaré de aquí.

A poesía vén da man de Manolo Rivas, Chus Pato, Fran Alonso, Marilar Aleixandre e Marta Dacosta. A danza contemporánea de Branca Novoneyra e María Reimóndez completa o programa.

"Implicadas no desenvolvemento" é unha oenegué apartidaria e aconfesional que actúa en Galiza para apoiar proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía, que se atopan entre as zonas máis pobres do mundo. Estes proxectos teñen como obxectivos apoiar ás comunidades para que poidan mellorar a súa situación de miseria a través de formación e capacitación, facilitar o acceso á educación, mellorar as condicións sanitarias e alimenticias da poboación e conseguir unha implicación directa de toda a comunidade a través da organización comunitaria que poña énfase na promoción da muller a tódolos niveis. Todo o persoal de IND é voluntario.

O obxectivo de "Implícate! Noite de música e palabra solidaria", no que as/os artistas colaboran de xeito desinteresado, é facer un chamamento á solidariedade, dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega, convidar ao público a ver o mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende Galiza, dende a conciencia crítica e a acción clara. Dende IND consideran que o cambio do mundo ten que comezar cun compromiso tamén con Galiza, recoñecendo o traballo que dende aquí se fai e activando as forzas vivas do noso pobo, como son as/os nosas/os músicas/os, poetas, artistas e persoas comprometidas e implicadas.

As entradas pódense obter a través do servizo de venda electrónica de Caixa Galicia, ou no teléfono 902 43 44 43. Tamén no Auditorio de Galicia e na tenda de comercio xusto Crisol, en Vigo (Camelias, 14). Pódese atopar máis información nesta web.

Os cartos recadados destinaranse integramente aos proxectos de desenvolvemento que Implicadas no Desenvolvemento ten no sur da India e en Etopía.

Compartir: