CULTURA

Un documental homenaxea a Ánxel Casal no ano dedicado ao editor e galeguista compostelán

20/07/2005 O director Xan Pérez Leira elaborou un documental que, coincidindo co aniversario do prendemento de Ánxel Casal, militante galeguista que foi alcalde de Santiago, recupera materiais visuais conservados sobre el e a sua muller, María Miramontes. A estrea será o venres 22 ás 21 horas no Teatro Principal.

O vindeiro venres 22 de xullo ás 21 horas estrearase no Teatro Principal de Santiago o documental "Ánxel Casal, a luz impresa", dedicado ao editor e galeguista compostelán asasinado polos franquistas nunha gabia de Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, cando era alcalde de Santiago.

Ademais do seu traballo como político galeguista, Casal levou a cabo unha importante labor editorial, fundando a editorial Lar e a imprenta Nós, que deu ao prelo obras xa clásicas da literatura galega. O seu labor como normalizador da lingua galega estivo tamén vinculado ao ámbito da educación, e impulsou as primeiras escolas do ensino en galego.

A proxección do documental "Ánxel Casal, a luz impresa", dirixido por Xan Leira, enmárcase na celebración do Ano Ánxel Casal 2005 que a Concellería de Cultura de Santiago está a organizar para achegarse a esta figura, que constitúe "un dos piares fundamentais da cultura galega dos anos 20 e 30", segundo destacou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, durante a presentación do filme. Ademais, explicou que se trata dunha "obriga como institución rescatar a memoria de persoas que fixeron que Galicia sexa hoxe o que é".

Pola súa banda Xan Leira explicou que o filme se enmarca nunha serie de documentais que está a levar a cabo e que pretenden homenaxear á xente que quixo que Galicia saise adiante "tras moitos séculos de aldraxe" e ás persoas do contorno das Irmandades da Fala, que querían "unha Galicia moderna en todos os ámbitos, estético, político, filosófico...".

O director de "Alexandre Bóveda, crónica dunha Galiza mártir" constrúe, pois, con este documental a primeira biografía audiovisual desta figura de quen Castelao deixou dito "Casal por Galiza fixo máis ca todos nós". Ademais, a Concellería de Cultura editará proximamente un libro biográfico sobre Ánxel Casal e un dvd co documental.

Rego declarou que é posíbel que durante o 2006 continúe a homenaxe a Ánxel Casal, posto que é o 70ª aniversario da súa morte e "de moitos outros feitos tráxicos, unha especie de ano da memoria".

Compartir: