CULTURA

Varios actos conmemorarán o 2005 Ano Ánxel Casal

25/05/2005 Exposicións, un congreso, a edición de varios libros e a produción dun documental centran os actos de conmemoración de 2005 Ano Ánxel Casal.

Co obxectivo de recuperar o importante legado cultural, artístico e político que deixou Ánxel Casal, editor e galeguista compostelán asasinado polos franquistas nunha gabia de Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, cando era alcalde en Santiago, nos seus escasos corenta anos de vida, o concello de Santiago declarou o ano 2005 Ano Ánxel Casal.

Ademais, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego anunciou que o Centro de Estudios Composteláns, que se ubicará na nave modernista da rúa Galeras e que pasará proximamente a mans do Concello, estará dedicado ao alcalde republicano.

A Concellaría de Cultura deseñou un programa non pechado de actividades para achegar aos galegos esta figura, pouco reivindicada e lembrada no periodo actual, en opinión de Néstor Rego.

Casal no teatro, no cine, na literatura e moito máis

Ao longo do mes de maio desenvolverase no Teatro Principal un ciclo que abre a conmemoración do Ano Ánxel Casal. O programa é unha homenaxe do mundo da escena, non só ao alcalde republicán senón, e sobre todo, á súa época. A entrada ás obras do ciclo é libre. O programa inclúe as obras "Camiño Longo" de Teatro do Aquí, "Manolo Chavoleiro", de Quico Cadaval, "Música para Casal" por César Morán, "A Lúa vai encuberta", unha obra de Manuel María que poñerá en escea o grupo de Teatro Conxuntovaldeiro da Agrupación Cultural O Galo.

Pola súa banda, o mundo da literatura renderalle homenaxe desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que en colaboración coa Concellaría de Cultura, editará un volume no que os escritores e escritoras galegos rendirán unha homenaxe a Casal coa publicación de textos inéditos inpirados nel. Outras publicacións relacionadas cos propios fondos editoriais da imprenta de Casal verán a luz tamén durante o ano 2005.

Desde o cine, o director de documentais Xan Pérez Leira está a elaborar unha producción audiovisual que, coincidindo co aniversario do prendemento de Casal, recuperará aquelas materiais visuais conservados sobre el. O título da mesma é "A luz impresa".

Ademais, celebraranse unhas xornadas de estudo baixo o título de "Ánxel Casal, unha vida por Galiza", en colaboración coa Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela durante os días 16, 17 e 18 novembro do presente ano.

Así mesmo, son varias as exposicións que sobre a figura de Casal se poderán ver en diferentes salas de Santiago. Sobrancea sobre todas elas a que comisionará Enrique Acuña baixo o título "Os artistas de Casal". A través da obra dos colaboradores gráficos de Casal, presentará no Auditorio de Galicia e durante o mes de setembro unha ampla antoloxía dos mellores ilustradores cos que Casal contou para a edición dos seus coidadísimos libros.

Por último, a Concellaría de Cultura organizará en colaboración con todas as entidades que así o desexen un roteiro que simbolicamente percorrerá os lugares nos que Casal desenvolveu a súa vida política e cultural. A camiñata cultural comezará no Pazo de Raxoi, onde desenvolveu o seu labor como alcalde pero tamén onde estivo preso, e rematará, logo de percorrer as rúas de Compostela, en Cacheiras, na gavia onde foi asasinado en agosto de 1936.

Compartir: