ALCALDÍA

Gas Galicia patrocina o Compostela Festival no marco das Festas do Apóstolo

08/07/2005 Por cuarto ano consecutivo Gas Galicia patrocinará o "COmpostela Festival", que se desenvolverá do 21 ao 25 de xullo con diversas actuacións na Praza da Quintana.

O convenio asinado o venres 8 de xullo polo Alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director xeral de Gas Natural Galicia, Juan José Picón, ten por obxecto potenciar as iniciativas culturais, e concretamente o "Compostela Festival" , que se enmarca dentro das Festas do Apóstolo 2005. Trátase dun festival que recupera e aúna actividades culturais xa moi arraigadas en Santiago con outras novas, baixo o lema dun festival propio.

Dous destes concertos terán carácter gratuíto, concretamente os días 24 e 25 de xullo, coas actuacións de Chico César & Ray Lema e Verónica Codesal, respectivamente.

A través do convenio esta entidade aportará uns 21.000 euros para a realización do Compostela Festival. Pola súa banda, o Concello de Santiago encárgase da contratación das actuacións, da confección dos programas, carteis e bandas do festival, da infraestrutura e da producción técnica do mesmo.

Durante o asinamento do convenio Sánchez Bugallo agradeceu ao anterior director xeral de Gas Galicia, Vicente de Ángel Zafra, presente tamén no acto a colaboración e implicación da sociedade coa cidade de Santiago, contribuindo a través do patrocinio a posibilitar aos composteláns o goce de numeros espectáculos de primeira calidade, como os que forman o programa dun xa consolidado "Compostela Festival".

Programa do Compostela Festival:

Xoves, 21.- ANTONY AND THE JOHNSONS. QUINTANA. 12 euros
Venres, 22.- MACACO. QUINTANA. 5 euros
Sábado, 23.- SARGENTO GARCÍA. QUINTANA. 5 euros
Domingo, 24.- CHICO CÉSAR & RAY LEMA. QUINTANA. Entrada libre.
Luns, 25.- VERÓNICA CODESAL+convidados. QUINTANA. Entrada libre
Martes, 26.- BEBE+ Combolinga+Trío Calambres+ DJ Fonki Omar. QUINTANA. 12 euros

Compartir: