DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS
O Concello de Santiago reforza a súa colaboración coa Asociación Fonte da Virxe
14/05/2024 A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais reforza a súa colaboración coa Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos de persoas con enfermidade mental, a través do convenio que veñen de asinar a edila María Rozas e a presidenta da entidade, Mar Piñeiro. En virtude do acordo, o Concello achegarálle á asociación 5.000 euros para o desenvolvemento de diferentes actividades, 1.500 euros máis que en anos anteriores.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais tíñalle manifestado á Asociación Fonte da Virxe a súa vontade de mellorar a subvención anual que recibe a entidade, que este ano celebrará o seu 30 aniversario. A asociación conta con máis dun cento de persoas usuarias no seu centro de rehabilitación psicosocial, no Campo do Forno, e no centro ocupacional da Barcia. A través do convenio asinado, o Concello colabora no programa de respiro familiar, ocio e benestar, que permite que as persoas con enfermidade mental e as súas familias disfruten de saídas nas fins de semana, para coñecer diferentes localidades de Galicia e de Portugal e para aumentar a súa integración social, recuperar habilidades para a vida cotiá, e combate o estigma que lle afecta ao colectivo.