ALCALDÍA

O Concello impón unha sanción por incumprimentos do contrato á empresa que presta o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria

26/04/2024 A alcaldesa deu conta en rolda de prensa da resolución do procedemento de sanción á empresa adxudicataria do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Santiago debido a unha serie de incumprimentos no contrato. Na rolda de prensa, Goretti Sanmartín tamén anunciou a data da xuntanza cos representantes da Xunta sobre o novo aparcadoiro do complexo hospitalario para o vindeiro xoves 2 de maio ás 16:30 horas.

A alcaldesa detallou que o pasado 24 de febreiro o Concello abriu o expediente para a imposición de penalizacións á empresa que presta o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, por diversos incumprimentos das condicións recollidas no contrato asinado entre ambas partes o 21 de febreiro de 2022 e que entrou en vigor o 23 de maio do mesmo ano.

Entre os incumprimentos detectados nun informe previo á apertura do expediente, Goretti Sanmartín destacou unhas serie de infracións no relativo a persoal, "como a presenza dun único administrativo, en lugar de dous; ou dun único técnico de produción ata o mes de xullo de 2023, en lugar de dous" e un "déficit de persoal equivalente a 500 xornadas de peóns no servizo dedicado ao varrido manual de xaneiro a decembro de 2023".

Ademais tamén se identificaron incumprimentos relativos á "obriga de reservar, como mínimo, o 50% das novas contratacións a mulleres" xa que na instrución se constatou que "de 30 persoas só 8 eran mulleres" ou a "falta de medios e maquinaria" concreatado no atraso na posta a disposición ou na carencia dalgúns dos vehículos do servizo.

Segundo explicou a alcaldesa tamén se rexistraron "eivas na infraestrutura informática e tecnolóxica" así como "deficiencias na prestación do servizo específico de recollida de voluminosos". Ademais a empresa tampouco chegou a completar a substitución/reposición das 25 illas soterradas/ano comprometidas para o 22 de maio de 2023, provocando un "considerábel atraso acumulado no plan de traballo comprometido, xa que o 31 de decembro pasado unicamente se actuara sobre 23 delas".

Por todo isto, o expediente conclúe que a empresa é a responsable destas infraccións polo que o Concello imporá penalizacións que suman unha sanción total de 14.020 euros. A maiores, a rexedora detallou que "na facturación mensual estivéronselle a aplicando descontos directos por falta de medios humanos e materiais con respecto ás prestacións contratadas". En concreto "no ano 2023 deducíronselle 199.420 euros (sen IVE), que representan o 2,40% sobre o prezo de adxudicación, e no 2024 xa van 75.779 euros (0,91%).

Reunión CHUS

Durante a rolda de prensa, Goretti Sanmartín tamén anunciou a data da reunión do Concello coas consellarías de Infraestruturas e Sanidade para tratar a construción do novo aparcadoiro do complexo hospitalario e outras cuestións relacionadas coa contorna e os accesos. Unha xuntanza que terá lugar o vindeiro xoves 2 de maio ás 16:30h nas dependencias da Xunta e da que a alcaldesa agarda "que poida saír un acordo a este respecto".

A rexedora tamén valorou positivamente a entrada en funcionamento do novo aparcadoiro que acondicionou o Departamento de Obras e Proxectos, con 3.000 m2 e 151 prazas de estacionamento para dar servizo a persoas usuarias do CHUS mentres duren as obras de ampliación destas instalacións e agradeceu "o uso responsábel que se está a facer para que sexan destinadas a esa necesidade".

Compartir: