DEPORTES

Santiago acolle este sábado a carreira nocturna SantYaGo10k

24/04/2024 O vindeiro sábado día 27 de abril celebrarase na cidade a VIII carreira SantYaGo10K Cidades Patrimonio da Humanidade, unha importante proba atlética de 10.000 metros na que está previsto que participen arredor de 1.500 corredores. Está organizada polo Concello de Santiago e o Club de Atletismo Fontes do Sar, coa participación da Real Federación Española e Federación Galega de Atletismo. Durante o transcurso da proba, as rúas do percorrido estarán pechadas ao tráfico.

Este sábado 27 de abril, Santiago acollerá a partir das 22:00 horas a VIII edición da SantYaGo 10K, organizada polo Club Atletismo Fontes do Sar. Trátase dunha proba federada e homologada de 10km que discorrerá integramente nun circuíto urbano de asfalto e empedrado, con saída e meta desde o corazón da cidade, a praza do Obradoiro.

O itinerario é o seguinte: saída da rúa San Francisco, campiño de San Francisco, avenida de Xoán XXIII, avenida do Burgo das Nacións, avenida de Castelao, rúa de Vista Alegre, rúa do Avío, rúa de Vista Alegre, rúa das Salvadas, rúa das Galeras, rúa do Pombal, paseo dos Leóns, paseo da Ferradura, paseo central da Alameda, Campo da Estrela, avenida de Xoán Carlos I, Campo da Estrela, rúa da Senra, rúa da Carreira do Conde, rúa da Rapa da Folla, rúa de Montero Ríos, rúa Xeneral Pardiñas, rúa de República El Salvador, rúa do Hórreo, praza de Galicia, rúa Fonte de Santo Antonio, tránsito da Mercé, rúa da Ensinanza, rúa da Virxe da Cerca, rúa do Astrónomo Aller Ulloa, porta do Camiño, rúa das Rodas, rúa da Algalia de Abaixo, rúa das Casas Reais, rúa Travesa, rúa de San Bieito, rúa Santo Agostiño, praza de Santo Agostiño, rúa das Ameas, praciña de San Fiz, travesa da Universidade, praza da Universidade, praza de Mazarelos, tránsito dos Gramáticos, rúa do Cardenal Payá, rúa das Orfas, rúa da Caldeirería, rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes, rúa da Acibechería, Vía Sacra, rúa de San Paio de Antealtares, praza Feijoo, rúa da Conga, rúa Nova, Cantón do Toural, praza do Toural, rúa do Vilar, praza de Praterías, rúa Fonseca e chegada á praza do Obradoiro.

Este percorrido estará pechado ao tráfico entre as 21:00 e as 23:00 horas do sábado 27 de abril. Os vehículos que accedan pola rúa de Rosalía Castro serán desviados á altura da praza de Vigo, os que suban pola rúa do Hórreo serán desviados cara a rúa Ramón Piñeiro, os que saian da rúa Xeneral Pardiñas deberán seguir cara á rúa do Doutor Teixeiro, os procedentes da rúa do Romaño serán desviados dende a rotonda do Avío cara a avenida de Castelao, os que circulen pola rúa Galeras irán obrigatoriamente cara San Lorenzo e os vehículos procedentes da zona de praza da Paz non poderán acceder ao centro cidade polas rúas das Rodas e da Virxe da Cerca, polo que deben utilizar a avenida de Lugo.

As persoas con garaxe ou vehículo estacionado nas rúas que comprende o itinerario, non poderá circular, entrar ou saír do mesmo durante ese tempo. Se fose necesario facer uso do seu vehículo dentro do horario indicado debe sacalo antes ou esperar a que volvan a abrir as rúas ao tráfico a partir das 23:00.

Debido a este corte, entre as 21:00 e as 23:30 horas veranse afectados os servizos de transporte urbano das liñas 1, 4, 5, 6A, 7, 8, C2, C5, C11, P1, P2, P3 e P7. Pode consultarse toda a información na páxina web de Tussa.

Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade

A carreira pertence ao Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, organizado polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, coa colaboración de Viaxes El Corte Inglés e Paradores. O que posiblemente sexa o circuíto de carreiras populares con máis envergadura do noso calendario nacional, está composto por 15 probas que se desenvolverán ao longo do ano nas Cidades Patrimonio incluídas na Lista da UNESCO: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda, cunhas distancias que oscilan entre o 10 km e a Maratón. O obxectivo principal do Circuíto é dar a coñecer estas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade a través das carreiras populares e, á súa vez, fomentar a actividade física e deportiva, propiciando a ocupación do tempo de lecer nunha das prácticas deportivas máis comúns e fáciles de levar a cabo como é a carreira a pé.

Para participar no Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade 2022 será obrigatorio a inscrición dos corredores a través do formulario online aloxado na páxina web do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Compartir: