CAPITAL CULTURAL

Compostela Cultura lanza a convocatoria de proxectos de creación artística e comisariado para a Zona C

21/03/2024 Promover a arte emerxente do país e achegar á cidadanía os discursos e propostas de vangarda chamados a anovar o panorama creativo galego son os obxectivos centrais da nova convocatoria para a selección de proxectos de creación artística e de comisariado para a Zona C que promove o Auditorio de Galicia a través do selo Compostela Cultura.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a responsable da área de exposicións do Auditorio, Chus Busto, presentaron esta mañá en rolda de prensa as bases deste novo chamamento dirixido a artistas e comisarias/os que conducirá á selección das propostas creativas que acollerá o edificio da praza de Cervantes ao longo do período 2024-2025. En palabras da concelleira, "a convocatoria procura, por unha banda, estimular a libre creación de propostas artísticas e a visibilización e promoción de novos talentos e, pola outra, ofrecer ás persoas creadoras e comisarias vías de profesionalización e de fomento do debate e a reflexión crítica". Louzao destacou que a iniciativa busca, ademais, "favorecer a diversidade e a pluralidade das propostas que chegan á cidadanía compostelá, e aguilloar a artistas, comisarias e comisarios cara á exploración de novas e ideas e enfoques creativos que desafíen o convencional, queremos darlles este acubillo para que arrisquen".

Chus Busto incidiu en que a proposta procura, precisamente "dar cabida a artistas que necesitan ese primeiro pulo para comezar a súa vida profesional" e engadiu que, desta maneira, a Zona C complementa a oferta expositiva do Auditorio "máis ortodoxa e con artistas de traxectoria consolidada", con "intervencións de carácter efémero" que as e os artistas farán especificamente para o espazo. A responsable de exposicións do Auditorio chamou a atención cara ao reto que supón para as persoas solicitantes adecuarse ao edificio deseñado por Domingo de Andrade, unha das claves da convocatoria.

Aberta á participación individual ou colectiva, a convocatoria diríxese a artistas, curadoras e curadores, que naceran ou residan en Galicia e que teñan unha idade inferior aos 35 anos no momento da presentación da solicitude. As bases para a selección de proxectos están á disposición das persoas interesadas na web de Compostela Cultura e no taboleiro de anuncios do Auditorio de Galicia e o prazo para a presentación de propostas, que deberá realizarse sempre a través da sede electrónica do Auditorio, esténdese do venres 22 de marzo ao domingo 21 de abril.

Modalidades, criterios de valoración e dotación

A convocatoria distingue dúas modalidades de proxectos, de creación artística e de comisariado, e só poderá presentarse unha candidatura por modalidade.
A modalidade de proxectos de creación artística chama as persoas creadoras da contorna contemporánea galega a presentar propostas de intervención de temática libre para desenvolver nos espazos expositivos do primeiro e segundo andar da Zona C · Punto de Información Cultural. Seleccionaranse até 3 proxectos de intervención artística que contarán, cada un deles, cunha dotación de até 4.000 euros (impostos incluídos). Este orzamento deberá incluír os custos relativos á produción transporte e seguro das obras expostas, ás viaxes, dietas, e aloxamento e ás actividades de mediación propostas, así como aos dereitos de autoría ou calquera outro desembolso que supoña a realización da exposición.

A modalidade de proxectos de comisariado diríxese a persoas dedicadas á práctica curatorial entendida como a relación que desenvolven en contacto con profesionais da creación, a través do discurso artístico e do deseño expositivo. Nesta modalidade, os requisitos de idade e procedencia aplícanse ás persoas solicitantes, pero non ás e aos artistas coas que traballan. Como acontecía na modalidade anterior, só se poderá presentar un proxecto de curadoría por solicitante, de temática libre e ideado para a súa execución na Zona C. O proxecto seleccionado contará cun orzamento de 6.000 € (impostos incluídos), que deberán sufragar os custos de produción, transporte e seguro das obras expostas; honorarios, viaxes, dietas, e aloxamento de curadoras/es e artistas, actividades de mediación propostas e calquera outro desembolso que supoña a realización de intervención, alén dos dereitos de autoría ou aqueles derivados da xestión das pezas con artistas ou con fondos de coleccións.

En ambas as modalidades, a montaxe, a desmontaxe e o deseño dos elementos de difusión e de calquera material que se realice da intervención correrán a cargo do Auditorio de Galicia.

Na avaliación de todas as solicitudes, que efectuará o persoal técnico do Auditorio, terase en consideración, por unha banda, a traxectoria das persoas solicitantes (pola que poderán obter unha cualificación de até 25 puntos) e, pola outra, a calidade e coherencia do proxecto, a súa solidez formal e conceptual, a súa viabilidade con base na adaptabilidade á Zona C, a optimización dos recursos económicos e materiais, a conexión do proxecto coas correntes actuais de creación contemporánea e calidade e relevancia das actividades de mediación (cunha cualificación de até 75 puntos)

Todas as propostas de intervención deberán respectar a arquitectura e composición estrutural da Zona C, dialogar co espazo patrimonial sen danalo e non se aceptarán intervencións que supoñan unha modificación da súa estrutura ou configuración. Non poderán presentar solicitude aquelas persoas seleccionadas en anteriores convocatorias para a Zona C. En caso de non houber concorrencia para ambas as modalidades ou de quedar deserta algunha delas o Auditorio de Galicia poderá distribuír a contía dos proxectos seleccionados, sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria.

Unha ollada ás intervencións da Zona C

Alén de servir de oficina de información e punto xeral de venda de entradas para os espectáculos de Compostela Cultura, a Zona C, situada no edificio da praza de Cervantes que acolleu no seu día a Casa do Concello, é un espazo consolidado da Concellaría de Capital Cultural para promover a creación de vangarda, a visibilización de novas propostas artísticas e un lugar de encontro, reflexión e debate sobre a arte en Compostela.

Como resultado da convocatoria de intervencións para este espazo no período 2021-22, acolleu recentemente os proxectos de creación El jarrón infinito, de Mar Ramón Soriano, Sequitur, de Julia Huete, e Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, alén da proposta de comisariado Presencias, ausencias. Miradas das novas artistas de Galicia, de Aldara Vázquez e Iris Rodríguez, e o proxecto de creación literaria Sem grana e sem frescura de Constance Hurlé que daría lugar á novela homónima da autora.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: