DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS E DEPORTES

O Concello colabora con Alcer Coruña na celebración do Día Mundial do Ril

13/03/2024 O Concello de Santiago súmase á celebración do Día Mundial do Ril, e colabora con Alcer Coruña nas actividades que a entidade vai poñer en marcha ao redor do 14 de marzo. O concelleiro de Dereitos e Servizos Sociais en funcións, Xan Duro, deu conta hoxe das diferentes accións, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, o delegado de Alcer Coruña, Alfredo Saborido, e o director de Marketing da SD Compostela, Miguel Fernández.

Santiago vaise sumar á conmemoración do Día Mundial do Ril con diferentes actividades impulsadas por Alcer Coruña, co obxectivo de dar unha maior visibilidade á enfermidade renal e concienciar á poboación sobre a necesidade de promover hábitos de vida saudables. O concelleiro Xan Duro incidiu "no importante traballo que desenvolve Alcer, que cobre ocos que non cobren as administracións competentes, e que melloran sensiblemente a vida dos doentes e das sús familias a través dos seu programas de terapia ocupacional, de atención psicolóxica, ou de orientación sociolaboral". Tamén lembrou a colaboración que vén mantendo de maneira estable o Concello de Santiago coa entidade, no seu programa de promoción da doazón de órganos "Alcer 7 vidas".

Pola súa banda, a concelleira de Deportes tamén puxo en valor o traballo de Alcer e agradeceu "a disposición que sempre mostra a SD Compostela para colaborar con causas solidarias", e convidou á veciñanza a acudir ao partido do domingo, "por suposto por arroupar á asociación e coñecer máis da enfermidade renal, pero tamén para apoiar ao noso equipo de referencia".

Apagón reivindicativo

A primeira das accións vinculadas ao Día Mundial do Ril terá lugar esta mesma noite. Trátase do apagón da iluminación do Pazo de Raxoi, entre as 22.00 e as 24.00 horas, co obxectivo de denunciar a situación que atravesan os pacientes renais que reciben técnicas de diálise domiciliaria. Tal e como explica Alcer, "estes doentes aforran gasto público, porque non requiren a atención en centros sanitarios máis de 20 horas semanais, pero teñen que afrontar un maior gasto eléctrico nos seus domicilios, e tamén ter as mellores características nos seus fogares para poder realizar o tratamento en óptimas condicións". Co apagón desta noite, Alcer quere reivindicar que se habiliten axudas para estes pacientes, para sufragar eses maiores gastos en auga e electricidade.

Mesas informativas e colaboración da SD Compostela

Ao longo do día de mañá, Alcer Coruña terá instaladas dúas mesas informativas, nas que se realizarán medicións de glicosa e de tensión arterial. Pola mañá, a partir das 10.00, a asociación estará na estación intermodal, e pola tarde, entre as 16.00 e as 19.00 horas, o posto estará localizado na Praza do Toural.
Xa no domingo, Alcer Coruña informará sobre a enfermidade renal nos dous postos que van instalar no estadio Vero Boquete de San Lázaro, no marco do partido que enfrontará á SD Compostela coa Unión Deportiva Langreo. Neste caso, o obxectivo é animar á poboación a facerse doadora de órganos, "porque cada persoa falecida pode salvar ata sete vidas de persoas que precisan un transplante, e porque hai posibilidades para doar en vida un ril ou parte do fígado a persoas achegadas que precisen destes órganos". Na actualidade, segundo os datos de Alcer Coruña, en Galicia hai preto de 300 persoas agardando por un transplante de órganos.

A saúde renal, unha gran descoñecida

Alfredo Saborido explicou que a Enfermidade Renal Crónica (ERC) "convertiuse nun grave problema de saúde pública, case ao nivel de epidemia", e en España estímase que lle afecta xa a uns 7 millóns de persoas, unha parte importante delas sen diagnosticar. Na última década, os pacientes en diálisis ou trasplantadas aumentou en máis dun 30%, e en Galicia son máis de 2.000 persoas as que reciben tratamento de diálese.

O responsable de Alcer Coruña incidiu en que "para preservar a saúde renal é fundamental garantir hábitos de vida saúdables: beber dous litros de auga ao día, evitar alimentos procesados, realizar exercicio físico e evitar a automedicación, sobre todo de antiinflamatorios que teñen un gran impacto no funcionamento renal".

Compartir: