DEPORTES

Case 300 judokas participarán esta fin de semana no XVI Trofeo de Judo Cidade de Santiago

13/03/2024 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada por David Neira, delegado comarcal da Federación Galega de Judo e Xaquín Baldomir do judo club base, presentaron esta mañá en rolda de prensa o XVI Trofeo "Cidade de Santiago", que reunirá esta fin de semana en Compostela a 280 judokas de varios lugares de España e Portugal, pertencentes á categoría infantil. O domingo tamén terá lugar a iniciativa XOGAJUDO, para achegar esta disciplina a arredor de 370 cativos e cativas.

O Pavillón Municipal do Santa Isabel acollerá este sábado 16 de marzo o Campionato de España Infantil de Judo, tanto na súa categoría masculina como feminina. A competición comezará ás 9 horas e a entrega de trofeos. Esta campionato encádrase dentro do sistema de competicións nacionais, anuais e puntuables, establecido pola Real Federación Española de Judo como sistema de clasificación para o campionato de España.

Tamén se celebrará no pavillón de Santa Isabel o vindeiro domingo, 17 de marzo, o XOGAJUDO zona de Santiago, que contará coa participación de 370 deportistas nas categorías benxamín, alevín e infantil, procedentes de toda Galicia. O obxectivo desta iniciativa é instaurar hábitos de práctica deportiva saudables nos rapaces e rapazas, achegando esta disciplina deportiva dun xeito fácil e divertido, aos nenos e nenas, fomentando así o deporte base. Santa Isabel tamén acollerá este domingo a partir das 10:30 horas o I Trofeo de Judo Promoción dirixido ás categorías biberón e prebenxamín, entre 3 e 5 anos.

O trofeo está organizado polas Federacións Galega e Española co apoio do Concello de Santiago. A concelleira de Deportes animou á veciñanza a achegarse esta fin de semana a ver as competicións e converter así Compostela na "capital do deporte".

Direccións relacionadas



Compartir: