DEPORTES

Aberto o prazo de inscrición para a VIII edición da carreira nocturna SantYaGo 10K o vindeiro 27 de abril

12/03/2024 Todas aquelas persoas interesadas poden inscribirse para participar na carreira nocturna SantYaGo 10 K que se celebrará o sábado 27 de abril ás 22:00 horas. Esta carreira nocturna homologada pola Federación Española de Atletismo e que conta coa colaboración do Departamento de Deportes do Concello de Santiago, percorrerá as rúas máis emblemáticas da cidade, con saída en San Francisco e chegada á praza do Obradoiro, con máis do 50% do seu circuíto na súa zona monumental.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada do representante do Club de Atletismo Fontes de Sar, Ramón García, e do director técnico da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Jesús Silva, presentou esta mañá en rolda de prensa os detalles da VIII edición da carreira nocturna SantYaGo 10K, que se celebrará en Compostela o vindeiro 27 de abril ás 22.00 horas e que terá como límite máximo de participantes, 1.500.

Pilar Lueiro recordou que esta proba está incluída no circuíto de carreiras Patrimonio da humanidade, e que un ano máis contará coa presenza de ENKI, asociación que traballa pola inclusión das persoas con diversidade funcional no lecer e no deporte, con especial atención aos menores, que participarán nesta carreira con transporte adaptado.

Como en anteriores edicións, a SantYaGo está orientada ao corredor popular, que vén a Santiago a gozar e coñecer a cidade facendo deporte. Mantendo o seu carácter lúdico, o este evento deportivo tamén contará cunha variedade de actuacións en directo ao longo de todo o percorrido, e unha serie de sorteos destinados aos rexistrados e voluntarios. A concelleira destacou que se trata dun "evento deportivo, pero tamén festivo e cultural" e animou a toda a cidadanía a participar "se non é correndo, é animando, para convertila na gran festa do deporte e do atletismo". Para impulsar a participación, a carreira porá tamén este ano a disposición das persoas interesadas, o "dorsal peregrino".

Inscrición

Para inscribirse haberá dous prazos: ata o 31 de marzo, cun prezo de inscrición de 10€; e do 1 ao 21 de abril, que pasará a 13 €. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web da SantYaGO 10k.

Os abonados ao multiúsos Fontes do Sar e o CD Santa Isabel disfrutarán dun desconto de 2€ na inscripción.

Historia da proba

SantYaGo10k naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

Esta carreira conta co apoio do Concello de Santiago, o Multiúsos Fontes do Sar/Complexo Deportivo de Santa Isabel e as federacións galega e española de atletismo. Tamén colaboran na carreira a Policía Local de Santiago, Protección Civil, Cruz Vermella, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Deporte Galego, Turismo de Santiago de Compostela e Kodular, así como outras entidades e empresas da cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: