CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia promove un encontro co seu público

06/03/2024 O obxectivo do encontro é reunir ás persoas abonadas e ao público xeral para dialogar sobre a súa programación, a relación coa cidade e o futuro das orquestras. Para a ocasión, están citadas as persoas abonadas e o público xeral das cidades de Santiago e Vigo (nos días 11 e 12 de marzo, respectivamente)

A Real Filharmonía de Galicia promoverá un encontro coas persoas abonadas e o público xeral para intercambiar ideas e impresións sobre os vindeiros pasos da orquestra. O obxectivo desta reunión é fomentar un exercicio de escoita activa para tender pontes coa audiencia, coñecer o parecer do público con relación ás actividades da RFG e pensar o futuro das orquestras.

Para iso, Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, e Sabela García Fonte, directora técnica, recibirán aos interesados tanto en Santiago como en Vigo. A primeira reunión terá lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, ás 19:00h do día 11 de marzo.

Ao día seguinte, 12 de marzo, serán os espectadores de Vigo os que terán a oportunidade de continuar o diálogo. Será no Teatro Afundación de Vigo ás 19:00h.

Compartir: