CONSORCIO

A instalación da fibra óptica na Cidade Histórica compostelá é xa unha realidade para a veciñanza

06/03/2024 O Concello de Santiago foi o escenario do acto oficial de culminación da despregadura da fibra óptica, tras unha inversión de 2,6 millóns de euros.

A instalación da fibra óptica na Cidade Histórica compostelá conclúe a despregadura de obras e traballos realizados pola empresa operadora Orange. Os traballos foron executados tras unha inversión que superou os 2,4 millóns de euros por parte da operadora e de 238.000 euros por parte do Consorcio de Santiago. A despregadura permitiu o acceso á alta velocidade de máis de 6.000 vivendas, grazas aos máis de 21 km de fibra óptica instalados.

A despregadura da fibra óptica foi realizada en 13 fases que se iniciaron unha vez aprobado o proxecto en xuño do 2020 e que tivo como ámbito de actuación as consideradas como "zonas brancas" no Plan Especial da Cidade Histórica, é dicir, áreas sen servizo de fibra óptica por parte de algunha empresa operadora. A despregadura enfrontaba retos técnicos e legais de fondo calado ao tratarse dun casco histórico de elevada protección patrimonial.

Ao acto, que tivo lugar na mañá do mércores 6 de marzo, estiveron presentes a alcadesa de Santiago de Compostela e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, acompañada de Miguel Rodríguez Quelle subdirector da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), de Manuel Chaín, Subdirector Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia xunto con Nani Fernández, directora de Relacións Institucionais de Orange e de Belén Hernández, xerente do Consorcio.

Todos os presentes manifestaron a súa satisfacción pola boa colaboración público-privada entre as partes implicadas para executar con éxito a instalación da fibra óptica na Cidade Histórica. A colaboración comezou en novembro do 2019 tras unha consulta pública e aberta na que participaron a Consellería de Cultura e Turismo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Concello de Santiago; colaboración que para Miguel Rodríguez Quelle foi o resultado dun equipo de expertos que traballaron arreo pola chegada da fibra óptica á Cidade Histórica compostelá, respectando o seu marcado carácter patrimonial sen perder nunca de vista o obxectivo final de poñer este esencial servicio á disposición da veciñanza.

Como resultado da convocatoria publicada, tres foron as empresas operadoras que presentaron unha proposta técnica de proxecto piloto para a instalación. Iniciábase así un longo proceso de colaboración entre diferentes axentes públicos e privados, empresas contratadas e equipo técnico humano para os que a alcaldesa agradeceu, unha vez máis, o seu traballo. A presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín, congratulouse do éxito deste proxecto "de vital importancia para o asentamento de poboación e negocios na Cidade Histórica" e recordou que "non foi un proceso fácil" xa que foi necesario "atopar os equilibrios para dotar de servizos unha zona da cidade que debe estar viva e habitada"

En palabras da xerente do Consorcio, desde a posta en marcha da convocatoria pública e ata a despregadura final da 13ª fase, todo o proceso e obstáculos que houbo que superar semellaba parecerse máis a unha serie de ficción, "como ben podería ser Las chicas del Cable", engadiu. A xerente tamén fixo fincapé en que "a colaboración de todos os axentes implicados, que eran moitos, foi a clave do éxito", e agradeceu tamén a extraordinaria colaboración veciñal coa que se contou en todo momento.

Unha vez fixadas e evaluadas as condicións que debería seguir a instalación da fibra por parte da Comisión Asesora do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, a operadora Orange ofreceuse a realizar a despregadura. Instalación da que Nani Fernández remarcou o fito de ser unha despregadura pioneira que tivo Compostela como proxecto piloto e exitoso que foi trasladado a diferentes cidades patrimoniais en toda España.

Levar a cabo a despregadura e conservar a estrutura patrimonial de Compostela foi todo un reto para organismos públicos e empresa operadora que tiveron que axustarse ás esixentes regulacións patrimoniais. Manuel Chaín, que tamén lembrou o nomeamento da cidade como ben declarado patrimonio da humanidade pola UNESCO fai 39 anos, definiu moi ben a despregadura ao enmarcala como un fito necesario para "preservar o pasado e garantir o futuro".

Características técnicas da despregadura da fibra óptica

As características patrimoniais da Cidade Histórica compostelá fixeron imprescindibles unha serie de condicións para a instalación da fibra óptica co obxectivo de minimizar ao máximo o impacto visual, respectar e coidar os elementos patrimoniais da cidade. Entre elas, foi necesario o deseño especial das pequenas caixas "Compostela" deseñadas pola empresa COMMSCOPE para a operadora Orange, que implementou e facilitou a adaptación das caixas á arquitectura patrimonial de Santiago. En total, máis de 1.000 caixas "Compostela". Ademais, da prohibición de novos pasos aéreos, a instalación dunha rede aberta - que debe ser compartida por todos os operadores - e acometidas específicamente definidas para cada fachada. Ao finalizar a súa intervención, Nani Fernández, fixo entrega dunha destas peculiares caixas á alcaldesa.

Todos os intervintes deron as grazas aos técnicos e persoal da operadora Orange, do Concello, de Amtega, da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, a Comisión Asesora do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, así como das asistencias técnicas, empresas subcontratadas para a execución da despregadura e tamén a colaboración constante da veciñanza.

Compartir: