CIDADES PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio renovan o seu compromiso coa accesibilidade no congreso de Tarragona

01/02/2024 As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España renovaron o compromiso coa accesibilidade como un dos piares da xestión do patrimonio, xunto coa educación, a seguridade, o medio ambiente, a conservación e a sinalización dos monumentos e recintos, durante o Congreso sobre 'Accesibilidade nas Cidades Patrimonio', que organizou o GCPHE en Tarragona. As xornadas contaron coa participación do concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, que salientou que "a accesibilidade é un dos grandes retos do futuro e un dos elementos fundamentais do dereito á cidade".

O alcalde de Tarragona, Rubén Viñuales, destacou que durante o congreso se abordou a accesibilidade "como un obxectivo que superou claramente a súa vinculación co urbanismo e a arquitectura para abrirse á cultura, ás tradicións, ás festas, ás novas tecnoloxías, ás políticas de igualdade ou á inclusión e, en definitiva, a unha nova sensibilidade que nos fai a todos máis humanos".

Tamén repasou os adiantos na lexislación en materia de accesibilidade, para os que defendeu a necesidade de aportar "orzamentos, recursos e capital humano". Ademais, puxo en valor a aposta do Grupo pola accesibilidade: desde os mesmos estatutos, que marcan "un claro compromiso con medidas que favorezan a accesibilidade e a sustentabilidade", pasando polas accións da comisión de accesibilidade do Grupo, e incluíndo "proxectos concretos como o Libro Branco da xestión do Patrimonio Histórico e Arqueolóxico; a Guía de Boas Prácticas en accesibilidade e, de maneira máis concreta, a app Cidades Accesibles, as maquetas tiflolóxicas e as guías de visitas de visitas accesibles".

En calidade de membro da Comisión Executiva do Grupo, Viñuales resaltou os éxitos de Àvila e San Cristóbal de la Laguna, recoñecidas polo seu traballo en favor da accesibilidade cos Access City Awards. Precisamente, o presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez, que recolleu o prestixioso premio europeo 2024 recentemente, destaca que os Access City Awards supoñen "o recoñecemento a un compromiso inequívoco para facer compatible a accesibilidade e a conservación do Patrimonio nas Cidades Patrimonio da Humanidade, indispensable para avanzar e profundar no reto que temos como gardiáns do patrimonio histórico de 15 cidades únicas".

O acto de clausura contou tamén coa presenza de Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica do Concello de Santiago que, en representación do Grupo, sinalou que "a accesibilidade é universal e non se limita só ás barreiras arquitectónicas e é un dos grandes retos do futuro e un dos elementos fundamentais do dereito á cidade".

Pola súa banda, Myriam Ugarte, en representación do Ministerio de Cultura, destacou no seu relatorio "a necesidade de incorporar a comprensión do Valor Universal Excepcional (VUE) de cada lugar ou cidade Patrimonio mundial á accesibilidade; é dicir, entender que o patrimonio será máis accesible para a cidadanía, canto máis comprensible sexa o seu VUE".

Dous días de debate

Co acto de clausura finalizaron dous días de debate arredor dun aspecto clave na xestión do patrimonio, onde se abordaron aspectos como as alianzas público-privades para promover a accesibilidade; o marco europeo na materia ou o potencial das novas tecnoloxías para favorecer a accesibilidade do patrimonio, así como os plans de accesibilidade, o potencial das novas tecnoloxías para promover a accesibilidade, casos de boas prácticas ou a comprensión do Valor Universal Excepcional (VUE) dos lugares ou bens Patrimonio da Humanidade como parte fundamental da accesibilidade.

Hoxe xoves, o congreso contou coas intervencións de Elena Chapa de Peña, de Open Europe; de Mònica Borrell, Lluís González i Laia Tubio, que reflexionaron sobre o potencial da tecnoloxía 3D na accesibilidade do patrimonio e ademais se han realizados talleres a cargo do arquitecto E. Rovira-Beleta, o Faro e a Rede de Museos das Comarcas de Tarragona e Terras do Ebro, ademais dunha mesa de debate na que se compartiron casos de boas prácticas nas cidades patrimonio de Santiago de Compostela, Segovia, Toledo e Úbeda.

No programa de onte mércores figuraban os relatorios de Míriam Ugarte, do Ministerio de Cultura; Elena Mier Torrecilla, da Fundación ACS; José Luís Borau, da Fundación ONCE; Israel Muñoz de Concello de Àvila e Susana Reyes do Concello de San Cristóbal de la Laguna; Carme Gilabert, da Ecomuseu Harinera de Castelló d'Empúries; Enrique Rovira-Beleta, arquitecto e consultor de accesibilidade; aos que se sumou un equipo técnico do Ajuntamet de Tarragona. Ademais, tamén se celebraron dúas mesas de debate onde se expuxeron casos de boas prácticas nas cidades patrimonio de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres e Córdoba nunha primeira, e Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida e Salamanca, na segunda.

As xornadas, que completaron as inscricións aos poucos días de abrilas, celebráronse na sala Eutyches do Palacio Feiral e de Congresos.

Compartir: