PARQUES E XARDÍNS

O barrio de Vista Alegre conta cun novo parque infantil con temática da natureza

20/01/2024 O Concello de Santiago vén de abrir un novo parque infantil no barrio de Vista Alegre, en concreto no Avío de Abaixo, realizado con criterios de sustentabilidade e de accesibilidade nunha superficie de 240 m2 que acolle diversas zonas de xogo con temática da natureza.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez, indicou que esta zona de xogos situada na contorna do centro sociocultural do Romaño-Vista Alegre ten un valor lúdico e de aprendizaxe que estimula tanto a imaxinación como o desenvolvemento físico e de coñecemento, "con elementos que se adaptan á contorna, con deseños naturalizados e con materiais como madeira de robinia, ademais de contar con xogos aptos para nenos e nenas con diversidade funcional e que atenden á accesibilidade para favorecer a integración".

A área de xogos tratouse de xeito escenográfico con temática da natureza, onde os elementos están interrelacionados de xeito ordenado, baixo criterios lúdicos e por idades de uso. Destacan entre as pezas de xogo o bambán de cesta e a torre alta cun tobogán, sinalou o concelleiro, e para os nenos e nenas de menor idade hai unha zona máis tranquila cunha casiña con paneis e cogomelos e outra parte dinámica con bambán, xogos de muelles e un tobogán, xunto cunha área de bancos, papeleiras e unha fonte accesible.

Para favorecer a accesibilidade, marcouse un itinerario peonil ata a área de xogo, cunha entrada con contraste de cores para facilitar a súa identificación, ademais das áreas de circulación.

Compartir: