RURAL

O vindeiro 23 de xaneiro celébranse as eleccións ao Consello de Medio Rural

16/01/2024 Aprobado polo Pleno municipal o pasado 30 de marzo, o Consello do Medio Rural é un órgano colexiado que permite a participación da cidadanía a través da consulta, asesoramento, proposta e seguimento de accións que buscan promover os intereses colectivos dos residentes no rural compostelán. Nas eleccións do vindeiro 23 de xaneiro, as asociacións veciñais poderán escoller entre as candidaturas presentadas, os seis vogais que actuarán como representantes neste novo órgano participativo.

Seguindo o regulamento aprobado o pasado mes de xuño, o Consello Municipal do Medio Rural estará integrado por unha presidencia, que ostentará a alcaldesa; unha vicepresidencia integrada por dous vicepresidentes/as, un deles a persoa titular da concellaría competente para asuntos de Medio Rural, e o outro designado polo Consello a proposta da presidencia; e os vogais: seis persoas que representen ás asociacións veciñais do ámbito rural do concello e un representante de cada un dos grupos políticos que integren a Corporación Municipal.

Entre as persoas que presentaron as súa candidatura para actuar como representantes deste órgano, están as seguintes: Ana Vanesa Vigo Rodríguez (AVV Zezar de Cesar), Óscar Montero Colón (AVV Santa Mariña de Berdía), Julio Luís Fernández Balado (AVV A Xunlla de Laraño), David Vieites Garcia (AVV Rego das Pedras de Marantes), José Antonio Montaos Liñares (AVV Campo das Escolas de Busto), José Antonio Gallas Barcia (AVV Río Sarela da Peregrina), Graciela Carro Asorey (AVV Francisco Garcia Beiro de Marrozos) e Mª Cruz Vázquez Veiga (AVV Pontesionlla de Enfesta). Este listado de candidaturas tamén está publicado no taboleiro de anuncios do Concello de Santiago.

Xornada electoral

A votación terá lugar o vindeiro 23 de xaneiro entre as 17:30 e as 21:00 horas, na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes - Rúa Manuel Beiras, núm. 3). Terán dereito a voto aqueles/as representantes veciñais inscritos/as no censo electoral definitivo publicado no taboleiro de anuncios municipal. Cada representante poderá votar a un máximo de tres persoas candidatas. Se o número de candidatos ou candidatas votado supera o indicado, o voto será nulo.

Os/as representantes das asociacións veciñais que formarán parte da mesa electoral o día das votacións, tras a realización dun sorteo público, son as seguintes: A.VV. Zezar de Cesar (1º vocal), A.VV. Campo do Monte de Nemenzo (2º vocal), A.VV. A Xunlla de Laraño (substituto 1º vocal) e A.VV. San Blas da Barciela (substituto 2º vocal).

O proceso de eleccións finalizará o 6 de febreiro coa proclamación definitiva dos representantes elixidos por un período de catro anos.

Consello do Medio Rural

O Consello do Medio Rural é un órgano colexiado de participación da cidadanía para a consulta, asesoramento, proposta e seguimento das accións para promover os intereses colectivos dos residentes no rural do Concello de Santiago. Así mesmo, entre os seus fins, está o de avaliar o cumprimento do Pacto polo Rural, asinado por todos os grupos da Corporación municipal o pasado 18 de marzo.

Coa súa posta en marcha, este órgano encargarase de canalizar a participación comunitaria nas materias que conforman o seu ámbito de actuación, así como o asesoramento e a elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

Compartir: