DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

O Centro de Atención Integral a Persoas sen Fogar contará con 12 habitacións e espazos comúns, seguindo o modelo Housing First

26/12/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude deu conta hoxe das modificacións introducidas no proxecto do Centro de Inclusión Social de Belvís, co obxectivo de que sexa un Centro de Atención Integral a Persoas sen Fogar, tal e como fora concebido orixinalmente. María Rozas explicou que o complexo contará finalmente con 12 habitacións, dúas delas dobres, e con espazos comúns como cociña, comedor ou lavandería, seguindo a filosofía housing first "que tén demostrado ser o modelo de intervención social con mellores resultados na atención do senfogarismo".

A Xunta de Goberno autorizou hoxe a redacción do modificado do proxecto de execución da obra do Centro Integral para a Inclusión Social para introducir "por razóns de interese público, as variacións necesarias para que o proxecto se execute consonte as necesidades tanto construtivas como de resposta ás demandas básicas sociais para as persoas sen fogar". Nese sentido, María Rozas explicou que o modificado "está xustificado nun informe asinado polas xefas de servizo e de sección de Servizos Sociais, que avala a reorientación do proxecto para garantir que as persoas sen fogar conten cunha vivenda, con dormitorios individualizados e con equipamentos para atender as súas necesidades básicas, ao tempo que reciben atención de persoal cualificado para acadar a súa inserción social". A tenenta de alcaldesa incidiu en que "recuperamos o proxecto orixinal, o que respondía ao acordado nunha mesa de traballo na que participaran, non só o Concello, senón tamén entidades sociais e tamén persoas sen fogar".

Menos despachos e máis recursos habitacionais

A principal novidade do modificado do proxecto, tal e como explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, será a substitución da vintena de despachos e salas de reunións previstas por recursos habitacionais. Así, no complexo de Belvís haberá 10 habitacións individuais e dúas dobres, e tamén espazos dedicados a cociña, comedor ou lavandería que serán de uso común. Deste xeito, apuntou, "hai espazos que mudan o seu uso e o seu contido, aínda que se manteñan a estrutura e a distribución".

O Centro Integral para a Inclusión Social de Belvís é un complexo formado por catro edificios. O primeiro deles contará con cociña, comedor e baño na planta baixa, e na planta superior haberá catro habitacións que substituirán aos catro despachos proxectados inicialmente. O que eran salas de reunións transformaránse en zonas comúns, salas de lectura e zona de actividades. Do proxecto aprobado no anterior mandato mantense a zona de entrada e recepción, así como tres despachos para o traballo social especializado e personalizado de acompañamiento psicosocial.

O segundo edificio do complexo é unha ampla sala diáfana, que se mantén tal e como estaba prevista, mentres que o terceiro inmoble, cunha superficie aproximada de 100 metros cadrados, albergará un espazo de atención diurna para persoas en situación de risco de exclusión con zonas de descanso e lecer, baños e duchas, armarios e lavandería.

O cuarto e último edificio sufrirá máis cambios con respecto ao proxectado no mandato anterior. Os despachos e a aula de formación proxectados desaparecen para darlle paso a seis habitacións individuais e unha dobre na planta superior, todas elas con baño incorporado, e a unha habitación dobre con baño, adaptada para persoas con mobilidade reducida, na planta baixa. Alí tamén haberá un espazo común e de estar.

Reaxustes técnicos

Ademais, María Rozas explicou que foi preciso reaxustar outros aspectos do proxecto por motivos meramente construtivos. Así, introdúcense cambios no sistema de climatización, atopáronse elementos en peores condicións das previstas, como a cuberta dun dos edificios do complexo; e descubríronse restos arqueolóxicos de interese que é preciso manter, como é o caso dunha fonte, un depósito, ou canalizacións e revestimentos de pedra.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que o custo total do modificado do proxecto será de 160.000 euros, de maneira que o orzamento total do Centro Integral para a Inclusión Social será de 960.000 euros. O total do modificado supón un 19,91% do orzamento, pero tal e como apuntou María Rozas, só o 6,7% corresponde á adaptación a usos habitacionais. Os fondos precisos para este modificado, así como unha partida de 40.000 euros para mobiliario, están incorporados no borrador de orzamento de 2024. María Rozas lembrou tamén que o centro está financiado con cargo aos fondos EDUSI, "e por iso optamos por adxudicar e iniciar a obra, que estaba en licitación ao inicio deste mandato, co obxectivo de poder certificar parcialmente eses fondos".

Compartir: