PARQUES E XARDÍNS

O Concello abre o prazo de solicitude de autorizacións para usar as hortas municipais dos parques de Almáciga e Cotaredo

22/11/2023 A partir de mañá, 23 de novembro, e ata o 7 de decembro, todas as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de autorización para o uso das hortas municipais dos parques de Almáciga e Cotaredo (Fontiñas).

Na súa xuntanza do pasado luns, a Xunta de Goberno local deu luz verde á apertura do prazo de solicitude das autorizacións para o uso hortícola das parcelas municipais dos parques da Almáciga e Cotaredo, tras confirmar a caducidade dos permisos outorgados en 2008. Nas vindeiras semanas abrirán novas convocatorias de hortas municipais noutros espazos verdes da cidade.

Esta convocatoria está aberta a toda a veciñanza de Santiago aínda que terán preferencia aquelas persoas con domicilio nun radio de 500 m/l dende a horta de referencia e/ou maiores de 65 anos. No caso de que o número de solicitantes supere o de hortas, as concesións adxudicaranse por sorteo. A Comisión encargada de avaliar as solicitudes presentadas, estará presidida polo concelleiro de Parques e Xardíns, Xesús Domínguez e formada polo encargado de xefe de Parques e Xardíns e o xefe da sección de Biodiversidade.

Procedemento de solicitude

Desde mañá, 23 de novembro e ata o día 7 de decembro, as persoas interesadas, deberán presentar o impreso da solicitude debidamente cuberto e a fotocopia do DNI na sede electrónica do Concello de Santiago, no rexistro Xeral do Concello de Santiago ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Direccións relacionadas



Compartir: