URBANISMO

A instrución do Servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística reúne a normativa autonómica e estatal de medidas de seguridade dos locais

17/11/2023 Esta instrución ten por obxecto establecer os criterios que debe seguir o persoal técnico do Servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística nos procedementos de inspección que se prevé realizar nos establecementos en que se realicen actividades incluídas no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da comunidade autónoma de Galicia, co fin de indicar o alcance das comprobacións que deben efectuarse e dos posibles axustes á normativa vixente que se poderán requirir se é o caso, de acordo co exposto nas reunións mantidas entre o xefe do servizo e o persoal técnico das seccións de Aperturas e Disciplina o 10/10/2023.

O estado da alarma creado na opinión pública como consecuencia dos incendios producidos recentemente en locais de ocio nocturno (un deles na nosa cidade) aconsella o reforzamento dos labores de inspección e vixilancia nos establecementos de espectáculos públicos, ocio e entretemento coa realización de inspeccións para comprobar que ditas actividades se están a realizar conforme á legalidade e sen riscos innecesarios para as persoas usuarias en caso de incendio.

Este labor de inspección a realizar centrarase primeiramente en comprobar se o establecemento se axusta ao título habilitante concedido. Nese sentido, no que se refire á configuración do local, comprobarase se a distribución, a posición de mobiliario fixo ou barras para bebidas e os percorridos e saídas de evacuación se corresponden co autorizado. Tamén se comprobará se o local conta cos elementos de sinalización visibles, alumeado de emerxencia e instalacións de seguridade contra incendios (extintores, portas resistentes ao lume...etc) en bo estado de funcionamento e axustadas ao proxecto ou á documentación técnica licenciada.

Obsérvase que para os efectos da seguridade, a disposición da barra ou do mobiliario (fixo ou móbil) do establecemento, ten incidencia tanto no cálculo da ocupación como nos percorridos de evacuación, e se afecta tamén ás condicións de seguridade da licenza.

Comprobarase se existen elementos decorativos instalados sen licenza e que poidan supoñer riscos para as persoas (decoracións de materiais inflamables, plantas artificiais ou similares penduradas dos falsos teitos ou das paredes con mallas electrosoldadas susceptibles de se desprenderen e danar as persoas usuarias..). Recoméndase, neste sentido, comprobar que os percorridos de evacuación non contan con este tipo de decoración de risco.

En resumo, no informe ou acta de inspección deberase consignar calquera reforma do local, cambio de instalacións ou modificación con respecto ao licenciado que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigo do establecemento, co fin de que se emenden estas deficiencias.

En caso de que o resultado da inspección sexa desfavorable, tomaranse as medidas para a reposición da legalidade de acordo co disposto na normativa de aplicación.

Para o caso dos establecementos que se axusten á licenza concedida pero non cumpran a normativa en vigor en materia de accesibilidade ou seguridade que sería esixible na actualidade, seguirase o mesmo criterio que ata o de agora, é dicir, non se requirirá a adaptación total do local á normativa vixente na actualidade.

Esta instrución recolle a normativa autonómica e estatal vixente, que se resume no seguinte:

LEI 38/1999, de 5 de novembro, de ORDENACIÓN DA EDIFICACIÓN (Publicada no BOE núm. 266 de 06/11/1999 Vixencia dende 06/05/2000. Revisión vixente dende 16/06/2022)

Artigo 3 Requisitos básicos da edificación
1. Co fin de garantir a seguridade das persoas, o benestar da sociedade e a protección do medio ambiente, establécense os seguintes requisitos básicos da edificación, que deberán satisfacerse, da forma que regulamentariamente se estableza, no proxecto, a construción, o mantemento, a conservación e o uso dos edificios e as súas instalación

O Código técnico da edificación é o marco normativo que establece as esixencias básicas de calidade dos edificios de nova construción e das súas instalacións, así como das intervencións que se realicen nos edificios existentes. O CTE establece as esixencias básicas para cada un dos requisitos básicos de «seguridade estrutural», «seguridade en caso de incendio», «seguridade de utilización e accesibilidade», «hixiene, saúde e protección do medio ambiente», «protección contra o ruído» e «aforro de enerxía e illamento térmico», establecidos no artigo 3 da LOE, e proporciona procedementos que permiten acreditar o seu cumprimento con suficientes garantías técnicas.

Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (DOG Núm. 247 do 27 de decembro de 2013)

Artigo 27. Modificacións das actividades
1. Quen exerza a titularidade das actividades debe garantir que os seus establecementos manterán as mesmas condicións que tiñan cando estas foron iniciadas, así como tamén adaptar as instalacións ás novas condicións que posteriores normativas establezan.
2. Quen exerza a titularidade das actividades debe comunicar ao órgano competente, cando se produza, calquera cambio relativo ás condicións ou ás características da actividade ou do establecemento.
3. Será, en todo caso, necesaria unha nova comunicación previa, en cumprimento dos requisitos do artigo 24 desta lei, nos casos de modificación da clase de actividade, cambio de localización, reforma substancial dos locais, instalacións ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigo do establecemento.

Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana (BOE Núm. 261 do 31/10/2015)
Artigo 15. Contido do dereito de propiedade do solo: deberes e cargas.
1. O dereito de propiedade dos terreos, as instalacións, construcións e edificacións comprende con carácter xeral, calquera que sexa a situación na que se atopen, os deberes seguintes:
a) Dedicalos a usos que sexan compatibles coa ordenación territorial e urbanística.
b) Conservalos nas condicións legais de seguridade, salubridade, accesibilidade universal, ornato e as demais que esixan as leis para servir de soporte aos devanditos usos.
c) Realizar as obras adicionais que a Administración ordene por motivos turísticos ou culturais, ou para a mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano,

Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia (DOG Núm. 1 do 2 de xaneiro de 2018)

Artigo 7. Condicións técnicas e de seguridade.
1. Os establecementos ou espazos abertos ao público, os espectáculos públicos e as actividades recreativas sometidas á presente lei haberán de reunir as condicións de seguridade, calidade, comodidade, accesibilidade, salubridade e hixiene apropiadas para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, a convivencia veciñal e a integridade dos espazos públicos, atendendo, como mínimo, á normativa reguladora dos seguintes aspectos:
a) Seguridade para artistas, intérpretes ou executantes, público asistente, persoal técnico, terceiras persoas afectadas e bens.
b) Solidez das estruturas e funcionamento das instalacións.
c) Garantías das instalacións eléctricas.
d) Prevención e protección de incendios e outros riscos inherentes á actividade, facilitando a accesibilidade dos medios de auxilio externo.
e) Salubridade, hixiene e acústica.
f) Protección da contorna urbana, do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural.
g) Accesibilidade e supresión de barreiras.
h) Plan de autoprotección, cando así o esixa a normativa de aplicación.

Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG Núm. 34 do 19/02/2016 e BOE Núm. 81 do 4/04/2016. Vixente desde o 19/03/2016. Revisión vixente desde o 01/01/2023)
Artigo 135. Deberes de uso, conservación e rehabilitación
1. As persoas propietarias de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións terán que:
c) Conservalos nas condicións legais para servir de soporte aos devanditos usos e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles.

Compartir: