PLENO

O Pleno acorda a suspensión de licenzas previa á modificación encamiñada a recuperar o uso dotacional e protexer as antigas Escolas de Maxisterio

28/09/2023 O Pleno municipal deu luz verde esta mañá a unha proposta que suspende os actos suxeitos a licenza e comunicación previa no edificio das antigas escolas de Maxisterio, que na actualidade acolle o centro de educación infantil e primaria López Ferreiro e as facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación da USC, na avenida de Xoán XXIII. Este acordo supón o paso previo para a modificación normativa que permita preservar o uso dotacional para o que foi creado así como a protección dos elementos que o singularizan como exemplo da arquitectura docente do Movemento Moderno.

O Pleno do Concello deu luz verde esta mañá á suspensión previa dos actos suxeitos a licenza e comunicación previa nesta parcela catastral ocupada polas antigas Escolas de Maxisterio. Trátase do primeiro paso para levar a cabo a modificación das determinacións urbanísticas que aplican actualmente neste ámbito, "co fin de protexer o valor arquitectónico e ambiental do edificio e de reconsiderar os usos previstos polo planeamento vixente", indicou o edil.

A suspensión previa aprobada hoxe limitará a solicitude de licenzas de edificación, parcelación e derruba; as obras de nova edificación e de reforma ou os cambios de uso, ata que se leve a cabo todo o proceso de tramitación da nova regulación que garanta a protección desta parcela. Iago Lestegás explicou que esta suspensión "terá unha duración máxima dun ano e unha vez que se adopte o acordo de aprobación inicial da modificación puntual do PXOM que derive do estudo que imos abordar, este acordo determinará, como establece a normativa, unha nova suspensión automática por outro prazo máximo de 2 anos", se fose necesario aínda que "a nosa intención é non esgotar estes prazos e ter o documento para aprobación inicial listo o antes posible".

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou na súa intervención que a ordenanza especial vixente "delimita dúas parcelas: unha cualificada como sistema local de equipamento docente (ocupada polo colexio López Ferreiro) e outra de uso hoteleiro que hoxe ocupan as facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación". A recualificación desta última para uso hoteleiro en 2002 foi resultado dun protocolo asinado no ano 1999 entre o Concello, a Xunta de Galicia e a USC para a creación do novo Campus de Ciencias da Saúde, unha ordenanza que despois de 20 anos, "cómpre revisar e adaptar ás novas necesidades de interese público e ás actuais demandas de ordenación urbanística da cidade", salientou Lestegás.

Ademais, o edil de Urbanismo detallou que "a substitución do uso dotacional actual por un uso hoteleiro", que prevé a ordenación aprobada hai 20 anos, "non é coherente co criterio regulador que motivou a redacción da modificación puntual do título III do PXOM que se aprobou definitivamente en febreiro deste ano" nin "coas Directrices de Ordenación do Territorio aprobadas pola Xunta de Galicia en 2011, que nas súas determinacións orientativas de protección do patrimonio cultural priorizan aqueles usos que sexan máis compatibles co destino orixinal do edificio".

O edificio que hoxe alberga o colexio López Ferreiro e as Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación, ocupa unha parcela de forma aproximadamente triangular situada na esquina entre a Avenida de Xoán XXIII e a rúa dos Xasmíns, cunha superficie aproximada da parcela de 8.798 m². O conxunto foi proxectado en 1967 por Fernando Moreno Barberá e constitúe un exemplo relevante da arquitectura docente do Movemento Moderno, polo que alberga "elementos dignos de protección, como se manifestou na proposta de catalogación que Concello lle remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en marzo de 2022 sen obter resposta", recordou o concelleiro.

Estrada de Vigo-Chouchiños

O Pleno municipal tamén aprobou de maneira definitiva a modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10 coa que se dá cumprimento á sentenza número 274/2014, que impón a categorización de dúas parcelas catastrais como solo urbano consolidado e, en consecuencia, obriga a excluílas do sector de solo urbanizable SUD 9-10, alterando así a delimitación do solo urbano e urbanizable establecida no PXOM. Tamén contempla a delimitación do Camiño Portugués aprobada polo Decreto 154/2013 da Xunta de Galicia, no tramo en que pasa polo ámbito do SUND 9-10. Nesta zona é onde vaise levar a cabo a ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, o CHUS.

Outros asuntos

A Corporación municipal tamén deu luz verde por unanimidade a dúas proposicións presentadas polo grupo municipal do PP relativas á melloras das condicións da dársena de autobuses de Xoán XXIII e á creación dun servizo de autobús lanzadeira ao aeroporto. Esta última saíu adiante coa emenda presentada polo grupo de Goberno, que xa ten previsto crear esa lanzadeira, na que se recolle a necesidade de ofrecer un servizo á veciñanza de Lavacolla "cunha frecuencia suficiente para atender a demanda que existe" e que o aumento previsto no custo do billete para sufragar os gastos do servizo, veña acompañado do estudo dun "método para a aplicación dunha bonificación á cidadanía de Santiago e a súa contía".

Festivos locais

Na sesión plenaria de hoxe tamén se determinaron os festivos locais para o vindeiro ano. Nesta ocasión volven ser o día da Ascensión, que en 2024 será o 9 de maio, e o 16 de agosto, San Roque.

Compartir: