CAPITAL CULTURAL

Curtocircuíto acollerá a estrea en Galicia de 'O Corno' e un amplo programa de cinema galego

24/08/2023 A película 'O corno' de Jaione Camborda terá a súa estrea galega na sesión inaugural de Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, paso previo ás salas de cinema o 11 de outubro. O compromiso de Curtocircuíto co cinema galego refórzase no seu vixésimo aniversario coas seccións Planeta GZ, Supernova, Terra - adicada a Arancha Brandón- e #OutraCompostela. A sección paralela Curtocircuíto x Cineclube de Compostela renderá homenaxe á figura de Roberto Vidal Bolaño.

O corno, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, terá a súa estrea galega na xornada inaugural de Curtocircuíto o 3 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tras o seu paso pola Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de San Sebastián e polo Festival Internacional de Cinema de Toronto, onde será a primeira película española que compite na sección Platform. A súa estrea nas salas comerciais será o 11 de outubro, da man de Elastica Films.

O filme –unha coprodución con Bélxica e Portugal liderada por Esnatu Zinema e Miramemira, dúas produtoras con sede en Santiago– fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na Sección Oficial do Festival de San Sebastián, o primeiro de produción galega e tamén a primeira obra dunha cineasta galega ou afincada en Galicia, como é Jaione Camborda (donostiarra que leva máis dunha década asentada en Compostela), que aspira á Concha de Ouro.

Jaione Camborda asistirá á presentación do filme acompañada do equipo artístico de actrices galegas coa bailarina Janet Novas á cabeza, no que é o seu primeiro traballo en cinema. A presencia da cineasta en Curtocircuíto reitera o interese do festival na súa figura. En 2018 foi a protagonista da sección Terra, foco adicado a novas cineastas galegas, e ao longo dos anos participou na sección Planeta GZ coas pezas Proba de axilidade, Rapa das bestas ou Videogramas #4.

A elección de O corno para inaugurar o festival subliña o interese de Curtocircuíto por xerar un espazo de visibilidade para o cinema realizado en Galicia, aposta que se reflexa nas seccións para ao cinema galego: Planeta Gz, Supernova, a sección Terra, adicada a Arancha Brandón, #OutraCompostela, ademais da homenaxe á Roberto Vidal Bolaño que renderáse na sección paralela Curtocircuíto x Cineclube de Compostela.

No marco dos contidos de cinema galego que se anuncian en primicia, a sección competitiva Planeta GZ revela a potencia creadora que é Galicia. Unha escolma de oito películas que, cun nivel cinematográfico excepcional, combina nomes consolidados como os de Enar de Dios, Helena Girón, Ángel Santos e Xacio Baño cos de Borja Santomé ou Anxos Fazáns, novas cineastas que xa son moito máis que unha promesa. A selección presenta achegamentos heterodoxos á paisaxe que van dende o drama cercano ó romanticismo do western Ulises de Felix Brisel ata o ensaio cientificista Ecotone (Enar de Dios) pasando pola experimentación sensorial de Bloom (Helena Girón e Samuel Delgado) ou a poética de Devociones (María Serna e Ángel Montero); filmes arredor da maternidade, o fogar e os conflitos internos (Non te vexo, de Xacio Baño, Habitar de Anxos Fazáns e Ruovesi de Andrea Zapata-Girau, respectivamente); artefactos de psicodelia neurótica como a animación Alguén me chamou Serpe Negra de Borja Santomé; e filmes xeneracionais como Alicia fai cousas, no que Ángel Santos volve afondar nos dilemas da mocidade.

PLANETA GZ

Non te vexo, de Xacio Baño. 2023 - Galicia
Ulises, de Félix Brixel. 2023 - Galicia
Ecotone, de Enar de Dios. 2023 - Galicia
Habitar, de Anxos Fazáns. 2023 - Galicia
Alguén me Chamou Serpe Negra, de Borja Santomé. 2023 - Galicia
Alicia fai cousas, de Ángel Santos. 2023 - Galicia
Devociones, de María Serna e Ángel Montero Vázquez. 2022 - Galicia
Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau. 2023 - Galicia

Na edición 2023, a protagonista da sesión especial Terra será Arancha Brandón, artista visual galega e fotógrafa procedente de A Guarda (1995), un dos novos talentos máis destacados do panorama galego. O seu traballo, que abarca dende o cinema ata a experimentación visual pasando por fashion films e vídeoclips, é testemuña -en forma e contido- das inquedanzas da súa xeración e da súa contorna. No seu estilo plástico, sensualidade e decadencia dán lugar a pezas de gran sutileza, que fan do traballo de Arancha unha singularidade xa recoñecible.

Na súa filosofía de recuperar o patrimonio inmaterial da cidade de Santiago e de Galicia, o Festival retoma a súa colaboración co Cineclube de Santiago de Compostela na sección paralela Curtocircuíto x Cineclube de Compostela, para render tributo á figura do dramaturgo, director de escena e actor Roberto Vidal Bolaño, persoeiro fundamental das rúas de Compostela e axente cultural e social imprescindible da cidade na segunda metade do s.XX. Principalmente coñecido polo seu traballo vinculado ás artes escénicas, a súa obra esconde unha cara b vecellada ao cinema e, sobre todo, á televisión. Nun contexto de emerxencia audiovisual, ao albor da nacente TVG e outras iniciativas, o creador compostelán desenvolveu unha serie de proxectos visuais pouco coñecidos polo gran público que agora Curtocircuíto e o Cineclube queren poñer en valor. A sesión contará coa presenza de familiares e colaboradores de Vidal Bolaño.

Roberto Vidal Bolaño na sala de montaxe | D.P.

#OutraCompostela regresa un ano máis: esta actividade deseñada por Curtocircuíto enfocada en educar ao redor do cinema, rexurde renovada para presentar novidades en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, o apoio de Santiago Turismo e da Santiago de Compostela Film Commision. A novidade deste ano será que o concurso universitario pasa a ter como plataforma as RRSS, o cal permitirá unha maior visibilidade e interacción entre os participantes o e público. Como vén pasando dende 2015, arredor de vintecinco estudantes de comunicación volverán a filmar a cidade de Santiago a partir das premisas que próximamente lle dará a dirección artística do festival.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.

Compartir: