FESTAS

A praza da Quintana acollerá o vindeiro sábado a 2ª edición da Feira do Vestir "De onte a hoxe"

26/07/2023 No marco do Día do Traxe Galego que terá lugar o vindeiro sábado 29 de xullo, a praza da Quintana acollerá a segunda edición da Feira do Vestir "De onte a hoxe", cuxo obxectivo é amosar unha visión máis actual e moderna do noso vestiario tradicional. Este evento tamén pretende dar visibilidade a todas aquelas tendas e obradoiros que apostan por seguir mantendo viva a nosa tradición á hora de vestir, pero achegándoa máis aos nosos días.

A segunda edición da Feira do Vestir "De onte a hoxe" celebrarase na praza da Quintana, o vindeiro sábado 29 de xullo, en horario de 11:00 a 14:30 h e de 16:30 a 21.00 h.

Os obradoiros e tendas que actualizan e reinventan o vestir tradicional e os seus complementos adaptándoos aos nosos días que participarán nesta edición son: Bulideira, Decotío, Na Ristra, Lumecú, Susi Gesto, Zeltia ao aire e Trenzarte.

Estas tendas-obradoiros mostrarán as súas propostas de reinterpretación do vestiario e complementos tradicionais realizando dous desfiles conxuntos, un primeiro pase ás 13.00h e un segundo pase ás 18.30h. Para facer os desfiles máis interactivos e atractivos, ao seu remate os modelos pasearán pola praza para que o público asistente poida contemplar máis de preto os distintos traxes e adobíos que portan.

Durante todo o día, a asociación de artesás en labores de palla trenzada de Mazaricos Trenzarte, amosarán ao público como traballan a palla para a posterior elaboración dos sancosmeiros tradicionais.

Co fin de facer máis inclusiva esta feira do vestir, ofértanse dous obradoiros para o público infantil: un de creación de colares de madeira, de 11.30 e as 13.30 h, e outros de elaboración de marcapáxinas con forma de monteira, de 17.30 a 19.30h

Como complemento a esta actividade, na praza da Quintana estarán colocados 4 photocall nos que toda aquela persoa que así o desexe, poderá posar e ter unha foto "vestida" de tradicional. Dous destes fotocall están dirixidos a nenos e nenas, e os outros dous ós adultos. Nos dous grupos haberá unha figura masculina e outra feminina: un neno e unha nena co vestiario de gala e un home e unha muller tamén cun vestiario de gala, neste caso recollido na zona de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: