ALCALDÍA

Goretti Sanmartín visita as instalacións de Castrosua para coñecer os seus proxectos de mobilidade sustentable

19/07/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e pola portavoz do goberno, Míriam Louzao, coñeceron de primeira man os proxectos da empresa e visitaron a planta de produción en Santiago de Compostela.

Goretti Sanmartín visitou esta mañá as instalacións da empresa Castrosua, que neste 2023 fai 75 anos de actividade, para coñecer os proxectos de mobilidade sustentable e a planta de produción compostelá. A visita, na que tamén participaron o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a portavoz do goberno, Míriam Louzao, estivo encabezada pola conselleira delegada de Castrosua, Beatriz Castro, e polo director executivo, Javier Vilela.

Durante o percorrido polas instalacións, os responsables de Castrosua explicaron os procesos de fabricación de carrocerías destinadas, na súa maioría, a autobuses urbanos e interurbanos, poñendo o foco en que realizan un tipo de produto practicamente ad hoc para cada pedido. Goretti Sanmartín e o seu equipo amosaron especial interese polos proxectos de mobilidade sustentable en que está a traballar a empresa, "e que coinciden coa preocupación do Goberno por desenvolver unha estratexia ampla no camiño da loita contra o cambio climático desde varios frontes e un deles, como non pode ser doutro xeito, pasa por coñecer experiencias que contribúan a mellorar o ámbito da mobilidade", asegurou a rexedora tras a visita.

Goretti Sanmartín indicou ademais que "Castrosua, alén de ser unha empresa cunha longa implantación no concello, está recoñecida no sector pola calidade da súa produción, á que hai que engadirlle a súa aposta pola innovación tratando de dar resposta aos retos aos que nos enfrontamos globalmente". Na mesma liña, o concelleiro Xan Duro salientou a importancia que ten para Santiago Castrosua "unha compañía que comezou sendo unha empresa familiar e que soubo evolucionar ata converterse no referente que hoxe é". O edil tamén incidiu no compromiso que vén demostrando Castrosua na procura de solucións de mobilidade máis sustentables, "tanto coa utilización de materiais reciclables como con sistemas que reducen o consumo e apostan por unha maior eficiencia enerxética".

Esta visita forma parte da rolda de contactos que o Goberno municipal está iniciando a empresas estratéxicas de diferentes sectores radicadas no Concello de Santiago.

Compartir: