ALCALDÍA

En marcha o novo procedemento da EDAR logo de que ACUAES resolvese o contrato anterior

18/07/2023 O Concello de Santiago vén de recibir a comunicación de Acuaes de que acordou resolver o contrato da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), despois do proceso de diálogo competitivo e de ser adxudicada.

Segundo trasladaron, Acuaes garante que a obra estará rematada en abril de 2026 co novo cronograma. A intención é adxudicar o contrato a finais de 2023 e iniciar as obras a comezos de 2024, cun prazo de execución de 27 meses e medio. Deste xeito, deben garantir o cumprimento dos prazos esixidos polos fondos Next Generation da UE.

Isto prodúcese logo de que, desde que se adxudicou o contrato en setembro de 2020 até agora, subisen os prezos por riba do 20% que estipula o RD para que a empresa adxudicataria teña que manter a execución e de trasladarlles que deben acrecentar investimento ao coñecer o resultado da declaración de impacto ambiental (demolición de infraestruturas, reciclaxe de materiais…).

Deste xeito, acordouse iniciar un novo proceso de licitación do contrato onde xa hai un proxecto que gañou o procedemento de diálogo competitivo anterior, sobre o que se van redactar uns novos pregos que incorporarán os novos prezos e as cuestións da declaración de impacto ambiental pendentes. Aprobaranse, previsiblemente, o 25 de xullo nun Consello de administración de Acuaes.

No novo prego haberá un incremento do orzamento que se move nas marxes do convenio asinado entre Acuaes, Augas de Galicia e o propio Concello de Santiago. Así, o 65% do financiamento correspóndelle a Acuaes a través dos fondos europeos, 10 millóns de euros será a contribución de Augas de Galicia e o resto será por conta do Concello de Santiago. A cantidade total non superará, en ningún caso, os 56 millóns de euros máximos que determina o convenio.

"Entendemos desde o Goberno municipal que resolver este contrato e publicar un novo concurso por parte de Acuaes vai supor un pequeno atraso e comprometémonos a realizar un seguimento estrito a todo o proceso para garantir que se cumpran os prazos e a nova estación depuradora quede concluída en tempo, como garante o cronograma que nos trasladan", afirmou a alcaldesa.

Compartir: