EDUCACIÓN

O Verán CampUSC, un espazo aberto á conciliación laboral e familiar da cidadanía

18/07/2023 A concelleira de Educuación, Míriam Louzao, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, visitaron esta mañá as instalacións deportivas e as zonas verdes do Verán CampUSC, iniciativa coa que a USC en colaboración co Concello de Santiago, pretende ofrecer á cativada espazos seguros para promover valores de perspectiva de xénero, disciplina, esforzo, integración e hixiene.

A USC pon a través do Verán CampUSC os seus espazos á disposición da cidadanía, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2010 e 2019 coa que a institución compostelá promove a conciliación da vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC como do público en xeral. Así, o reitor Antonio López e a concelleira responsable de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, mantiveron un encontro coa cativada nas instalacións deportivas e nas zonas verdes do campus nas que se desenvolve o programa e que constitúen un espazo seguro para acubillar o amplo e diverso abano de actividades centrado no desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes. O Verán CampUSC, tal e como subliñou o reitor, promove valores de perspectiva de xénero, disciplina, esforzo, integración e hixiene

A delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e de Deporte, Javier Rico, tamén participaron na visita institucional ao alumnado que integra esta terceira quenda do Verán CampUSC e que se estende ata o 21 de xullo. Do 24 ao 31 deste mes terá lugar a cuarta quenda, mentres que a derradeira desenvolverase do 1 ao 7 de setembro. O xerente da Fundación USC, Óscar Hermida, e a coordinadora do Verán CampUSC, Rocío Bulnes, que tamén participaron no acto, lembraron que esta edición superou os 160 participantes, moitos e moitas das cales repiten experiencia nas diferentes quendas. O director da actividade, Anxo Tarrío tamén estivo presente durante a visita.

USC e o Concello de Santiago colaboran no desenvolvemento desta iniciativa que ten lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas. Este programa nútrese dunha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais. A USC pon ao servizo das actividades instalacións como a pista de atletismo, salas de espello e tatami, campo de hóckey de herba natural, o pavillón polideportivo ou o campo de fútbol, alén de aproveitar a contorna verde do Campus como pode ser o parque da Alameda ou o río Sarela.

Contidos
A programación do Verán CampUSC 2023 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. "É importante destacar que todas as sesións do Verán CampUSC teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira", apuntan dende a organización. O núcleo máis importante de actividades ten unha importante base deportiva, dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais da comarca como a estornela ou a chave.

Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais (como o cooking experience) ou obradoiros artísticos (graffiti) e potencien as súas aptitudes e capacidades. "Haberá tamén actividades orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas no entorno natural do propio campus e arredores, e actividades da coñecida como cultura urbana", engaden.

Todas estas actividades e dinámicas están adaptadas ás idades dos rapaces e rapazas en función do seu desenvolvemento evolutivo, buscando a socialización e destacando como un espazo lúdico e de aprendizaxe, sempre coa seguridade como premisa básica na súa organización.

Compartir: