FESTAS

Daniel Lorenzo Santos, Mª Rosa Álvarez Prada, Ánxeles González Porto e os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi serán homenaxeados o vindeiro 25 de xullo no acto ‘Alba de Compostela’

18/07/2023 O Concello de Santiago celebrará o vindeiro 25 de xullo, con motivo do día grande das Festas do Apóstolo, o acto ‘Alba de Compostela’ no que se renderá homenaxe ás persoas ou institucións que constrúen cidade todo o ano. Daniel Lorenzo Santos director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite; e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, serán as persoas homenaxeadas nesta primeira edición.

O Teatro Principal será o escenario o vindeiro 25 de xullo a partir das 13:15 horas da primeira edición de ‘Alba de Compostela’, un acto institucional organizado polo Concello de Santiago cuxo nome se inspira no afamado discurso ‘Alba de Gloria’ que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día de 1948.

O Concello pretende con este evento sumarse de forma activa á celebración do día grande da cidade e de Galicia, rendendo homenaxe a aquelas persoas, institucións e organizacións vencelladas á cidade tendo en conta a súa identificación con Santiago, o seu arraigo social, a súa relevancia ou a súa proxección. Seguindo estes criterios de valoración, a edición desde ano de ‘Alba de Compostela’ renderá homenaxe ás seguintes persoas e colectivos:

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago, polo seu labor para achegar á cidadanía o proxecto de rehabilitación da Catedral, socializando o proceso a través dun coidado programa de visitas que pon en valor a complexidade e importancia da conservación desta obra do patrimonio histórico e cultural universal.

Os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi, polos seus éxitos en ligas galegas e estatais, erixíndose en referentes no deporte de competición en xeral e no hóckey en particular; e pola súa contribución a difundir a aposta do club pola participación femenina na práctica do hóckey sobre patíns, na infancia e na mocidade.

Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, pola súa dedicación profesional e persoal á transformación do barrio de Vite, implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras do espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa.

Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, polo seu labor de dinamización da zona histórica da cidade, contribuíndo a resignificar os espazos de lecer nocturno a través da experiencia cultural, e polo seu compromiso activo coa hostalería de proximidade e cunha marcada función de retorno social para a veciñanza.

Simbolismo e historia
O acto bebe do contido simbólico e histórico de ‘Alba de Gloria’, o discurso de Castelao, situado na mañá do 25 de xullo, que fai unha semblanza dos personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e formula un desexo de esperanza no futuro. Neste 2023 celébrase, ademais, o 75 aniversario deste texto.

Tamén se inspira na ‘Estrela de Santiago’, unha estrela de oito puntas, presente no escudo de Santiago e visible en moitos lugares da cidade. Rememora o sinal que indicou onde se había de construír Compostela cuxo nome está relacionado, no imaxinario popular, co "campo da estrela". Vincúlase tamén con outras tradicións como a da relación entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea.

Compartir: