XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba os convenios de colaboración con 11 entidades locais por un importe de 220.000 euros

17/07/2023 O executivo municipal acordou a adxudicación do contrato para o "Servizo de conservación, mantemento, reposición e nova instalación da sinalización horizontal, sinalización vertical e elementos de balizamento de tráfico nas vías públicas do termo municipal de Santiago de Compostela" por un orzamento de 1.949.153,44 euros. Tamén se deu luz verde á concesión á USC da licenza para realizar o acondicionamento de espazos na Facultade de Química sita no CAMPUS VIDA, que contará cun orzamento de execución material de 2.865.251,83 euros. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A Xunta de Goberno local acordou esta mañá conceder á Universidade de Santiago de Compostela a licenza para realizar o acondicionamento de diferentes espazos da Facultade de Química, sita no CAMPUS VIDA, en concreto, na avenida das Ciencias, 1. A alcaldesa salientou que se trata dunha "obra importante", que conta cun orzamento de 2.865.251,83 euros e cuxo obxectivo "é a renovación dos espazos por dentro, das instalacións eléctricas e de cuestións de eficiencia enerxética". Estas obras están encamiñadas a manter as condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato da edificación.

A rexedora tamén salientou o acordo para a adxudicación do contrato para o "Servizo de conservación, mantemento, reposición e nova instalación da sinalización horizontal, sinalización vertical e elementos de balizamento de tráfico nas vías públicas do termo municipal de Santiago de Compostela" á empresa ACEINSA MOVILIDAD SA, por un orzamento de 1.949.153,44 €, que se dividirá nas seguintes anualidades: 2023 (5 meses) 270.715,75 €; 2024(12 meses) 649.717,81 €; 2025 (12 meses) 649.717,81 €; e 2026 (7 meses) 379.002,07 €.

Ademais, tamén se deu luz verde a dous expedientes de contratación: o primeiro para levar a cabo as obras de "Repavimentación da praza da Nosa Mercé de Conxo", cun orzamento base de licitación de 120.478,93 € (base impoñible de 99.569,36 € máis IVE do 21% de 20.909,57 €). Goretti Sanmartín recordou que esta actuación responde a "unha reclamación veciñal ben coñecida, polos problemas que tiña o firme que estaba nun estado moi defectuoso" e detallou que "ademais das obras de repavimentación da praza, instalaranse marquesiñas".

O segundo expediente aprobado permitirá a contratación da subministración de ordenadores de sobremesa e monitores para os centros socioculturais do ámbito rural de Santiago por un importe total de 39.170,17 euros, no marco do "Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022-2ª fase, da Deputación Provincial da Coruña.

Aparcadoiro do parque Eugenio Granell

Goretti Sanmartín tamén dou conta da aprobación en Xunta de Goberno da recepción da obra de "Acondicionamento do aparcamento de servizo do parque Eugenio Granell".

As obras de acondicionamento do aparcamento de servizo do parque Eugenio Granell adxudicáronse á empresa Obras y Viales de Galicia, SL, por un importe total, IVE incluído, de 129.418,61 euros ao ser a oferta máis vantaxosa e comprometer como mellora unha ampliación do prazo de garantía a maiores do mínimo de cinco anos establecido.

Estas obras tiñan como obxectivo o de dotar ao aparcamento dun novo pavimento e mellorar a súa funcionalidade, coa execución dun firme de formigón armado sobre un balastro artificial para a súa correcta nivelación, nunha superficie total de 1.360 metros cadrados. Ademais, tamén se levou a cabo a reparación e mellora do acceso sur do parque coa extensión do pavimento terrizo, sobre balastro artificial, nunha superficie total de 539 metros cadrados, previo baleirado do material existente.

Así mesmo, aprobouse a certificación final de execución das "Obras do proxecto básico e de execución de reurbanización da rúa do Hórreo fronte á estación intermodal", sinalou a rexedora.

Convenios

O executivo municipal deu luz verde esta mañá aos convenios de colaboración entre o Concello de Santiago e nove entidades sociais por un importe total de 210.500 euros, co fin de financiar as accións e actividades desenvolvidas por estas entidades.

En concreto, as entidades beneficiarias son: ACEM (Asociación Compostelá de Esclerosis Múltiple), por 9.000 euros; Escuela de Tiempo Libre Don Bosco, por 5.000 euros; Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Saúde Mental FEAFES GALICIA), por 60.000 euros; ALCER (Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Riñón), por 4.000 euros; Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, por 120.000 euros; Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) da provincia da Coruña (ASPANAES), por 3.000 euros; Asociación Galega para axuda dos enfermos con demencia tipo Alzheimer (AGADEA), por 3.000 €; Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, por 3.000 €; "Fonte da Virxe" de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais", por 3.500 euros.

A maiores, tamén se aprobaron dous convenios por unha contía total de 9.500 euros coas entidades deportivas Club Ciclista Compostelano (6.000 euros) e coa Asociación de Padres, Profesionales y Amigos de Personas con Discapacidad Intelectual "Special Olympics Galicia" (3.500 euros) para o ano 2023.

Nomeamentos

Nesta Xunta de Goberno tamén se acordou designar representantes municipais nos Consellos de Administración da sociedade Xestión de Actividade Deportiva e Espectáculos, S.L. (XADE), do Consorcio de Santiago e da sociedade de Cursos Internacionales de la USC S.L.

Formarán parte do Consello de Administración da sociedade Xestión de Actividade Deportiva e Espectáculos, S.L. (XADE):
- José Ramón de la Fuente Rodríguez (grupo municipal do PP).
- Pilar Lueiro García (grupo municipal do BNG).
- Gonzalo Muíños Sánchez (grupo municipal do PSdeG-PSOE).
- Xan Duro Fernández (grupo municipal de CA).

Pola súa banda, integrarán o Consello de Administración do Consorcio da Cidade de Santiago:
- Borja Verea Fraiz (grupo municipal do PP).
- Gonzalo Muíños Sánchez (grupo municipal do PSdeG-PSOE).

Ademais, Goretti Sanmartín Rei e Míriam Louzao Fernández, foron designadas como representantes municipais na sociedade de Cursos Internacionales de la USC S.L.

Esta mañá tamén se acordou designar ao concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro e á concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, como representantes da Corporación na Fundación Kaleidos.Red.

Compartir: