PLENO

O Pleno aproba a liquidación de gastos derivados do transporte urbano de viaxeiros en 2022

13/07/2023 O Pleno municipal, reunido esta mañá en sesión extraordinaria, deu luz verde á liquidación das contas de 2022 coas empresas de transporte urbano de viaxeiros Autos Carballo, Autos Garabanxa, Hermanos Ferrín, Autocares Rías Baixas e a UTE Autobuses Urbanos de Lugo e Trap. En total, o Concello desembolsará pagamentos por valor de 853.113,42 euros para liquidar as contas pendentes.

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá unha sesión extraordinaria do Pleno municipal na que se acordou a aprobación dos expedientes para liquidar os gastos de transporte urbano de viaxeiros, correspondentes ao ano 2022.

Na súa intervención, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que esta liquidación é "necesaria, entre outras cousas, para poder solicitar a subvención do transporte colectivo urbano de viaxeiros para as entidades locais que outorga o Ministerio de Transporte e Medio Ambiente cuxo prazo remato o 17 de xullo".

Tamén detallou que debe ser o Pleno quen aprobe estas liquidacións co fin de "poder imputar ao orzamento vixente obrigas derivadas de gastos que se levaron a cabo en exercicios anteriores". Para isto, é necesario "constatar que a prestación se levou a cabo, nas condicións determinadas polo Concello", neste caso sen contrato previo ao ser un servizo prorrogado desde 2017, "e propoñer unha indemnización substitutiva a favor do operador polo importe dos gastos ocasionados pola realización da prestación", así como a existencia de dotación orzamentaria para tal fin, que "tamén temos, pois se aprobou un expediente de crédito suplementario para facer fronte aos gastos derivados das liquidacións", engadiu o edil.

Liquidación dos servizos de transporte urbano

Xan Duro detallou que o Concello efectuará pagamentos por "un total de 853.113,42 euros" para cubrir gastos derivados dos servizos prestados por cinco empresas de transporte urbano ao longo do 2022. En concreto, o Concello aboará 263.090,76 euros a Autos Carballo S.L.U., polos gastos xerados polo servizo de transporte urbano de viaxeiros da liña urbana entre a Porta do Camiño e a Peregrina e Grixoa; 69.370,34 euros a Autos Garabanxa S.L. polo servizo de liña de transporte urbano entre a rúa da Rosa e o Polígono do Tambre; e 99.464,78 euros á empresa Hermanos Ferrín S.L., pola liña entre Santiago e Villestro.

Esta liquidación tamén cubrirá os gastos xerados polo servizo de transporte urbano de viaxeiros da liña 6 entre San Roque e Aríns, realizado por Autocares Rias Baixas S.L. e que ascende a 46.661,45 euros, así como o servizo de transporte urbano colectivo de viaxeiros 2022, a favor da UTE Autobuses Urbanos de Lugo y Trap, S.A., por un importe de 374.526,09 euros.

Compartir: