DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Asinado o convenio polo que o Concello lle fai unha achega de 60.000 euros á Cociña Económica

13/07/2023 A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, visitou esta mañá as instalacións da Cociña Económica, acompañada polo presidente da entidade, Manuel José Botana, o vicesecretario, Fernando Barros, e o coordinador, Javier Brage. No marco da visita quedou asinado o convenio de colaboración entre o Concello e a Cociña Económica, que supón unha achega municipal á entidade de 60.000 euros.

María Rozas agradeceu o traballo que desenvolve a Cociña Económica, "unha das entidades que máis está a notar as consecuencias da crise derivada da pandemia, cun notable incremento de persoas usuarias". Segundo os datos da entidade, en 2022 a Cociña Económica serviu case 93.000 menús, dos que 52.300 foron xantares. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais expresou a súa vontade de "manter a colaboración entre o Concello e a Cociña Económica, tanto a través do convenio asinado hoxe como noutras iniciativas que sexan de interese".

Pola súa banda, o presidente da Cociña Económica agradeceu a visita de María Rozas, e a vontade de colaboración manifestada pola concelleira. Manuel José Botana explicou que "para a nosa entidade é fundamental esta axuda que recibe do Concello, así como as achegas doutras administracións".

Aproveitando a sinatura do convenio, María Rozas percorreu as dependencias da Cociña Económica e puido conversar con algunhas das sores e do persoal que atende as instalacións. A Cociña Económica, creada en 1891, ofrece servizo de comedor, cunha media de 200 usuarios e usuarias diarios nos distintos turnos de almorzo, xantar e cea; e conta tamén cun centro de día, que en 2022 tivo máis de 30 usuarios diarios de media.

Compartir: