CONSORCIO

O programa de rehabilitación TerÉManter permitirá realizar todas as obras subvencionables ao non exceder o límite de orzamento

11/07/2023 O Consorcio de Santiago recibiu 79 solicitudes de axudas para o mantemento de carpinterías de madeira e envolvente exterior nos edificios da cidade histórica.

A oficina técnica do Consorcio avanzou na convocatoria deste ano 2023 do programa de axudas destinadas ao mantemento de carpinterías de madeira así como da envolvente exterior dos edificios do ámbito da cidade histórica que leva por nome 'TerÉManter'.

Nas últimas semanas, os técnicos da entidade interadministrativa elaboraron as documentacións técnicas solicitadas e analizaron os proxectos presentados polos solicitantes. Unha vez vistas, comprobouse que das 79 solicitudes de axudas do programa, as subvencionables non acadaron o tope de 900.000 euros presupostados para esta convocatoria, polo que todas as propostas serán executadas ao non haber concorrencia competitiva.

Nos vindeiros días poderanse enviar as propostas de resolución de concesión, mentres que tamén continúan a bo ritmo as obras de rehabilitación da convocatoria 2022 deste programa.

Esta convocatoria tivo un 50% máis de orzamento que a realizada en 2022, e foi aprobada na xuntanza do Consello de Administración do Consorcio do pasado 16 de decembro, sendo o cuarto incremento consecutivo destas axudas para un programa que se vén realizando anualmente nos últimos sete anos.

Programa TerÉManter

Este programa busca beneficiar tanto a propietarios, arrendatarios ou a titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble así como comunidades de propietarios.

Para poder participar, os requisitos son estar dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica así coma que o seu uso sexa o de vivenda principal, ter unha antigüidade superior aos dez anos e ter condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte a chuvia.

Na convocatoria faise fincapé especial nas actuacións de consolidación, reposición e mellora das estruturas tradicionais de madeira, incentivando a introdución de novos produtos innovadores derivados da madeira.

Compartir: