XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o novo contrato de roza, limpeza e mantemento de viarios por preto de 800.000 euros

10/07/2023 O executivo municipal acordou tamén a adxudicación do contrato para a creación dunha zona de xogos infantís no parque do Avío e o servizo de redacción do proxecto para a adecuación do Pazo de Raxoi para a realización de visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico. Así mesmo, deu luz verde ao proxecto para acondicionar novos miradoiros no Monte do Pedroso a aceptou a cesión de dous locais en San Pedro de Mezonzo para o seu uso como centro para persoais maiores e centro sociocultural. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A Xunta de Goberno local, na súa sesión ordinaria, adxudicou o contrato para pór en marcha o servizo de execución de diversas operacións de roza, limpeza e mantemento para os anos 2023-2025 a ALCOMTE GALICIA SL, por ser a oferta máis ventaxosa. O contrato conta cun importe global de 790.000 coa seguinte desagregación por anualidades:
2023: 200.800,00 €
2024: 395.000,00 €
2025: 194.200,00 €
Total: 790.000,00

O obxecto deste contrato é execución das operacións de roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios (rúas, estradas, pistas, sendas peonís ou ciclistas acondicionadas para tal fin, etc.), carreiros fluviais e parcelas (dotacionais, zonas verdes non acondicionadas, edificables, etc.) de titularidade municipal ou de xestión; e aqueles que poidan ser construídos ou recibidos ao longo da duración do contrato.

A alcaldesa de Santiago lembrou a importancia de manter limpas as fincas, máis nestas datas e indicou que se dará prioridade a aquelas zonas declaradas de alto risco de incendios.

Nova zona de xogos infantís no parque do Avío

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o contrato mixto (subministración e obra) para a creación dunha zona de xogos infantís no parque do Avío a HPC IBÉRICA, S.A, que presenta unha proposición económica de 111.552,95 €, IVE incluído. A obra ten un prazo de execución de 4 meses.

O barrio do Avío, na zona de Vista Alegre, conta con novas urbanizacións e unha elevada poboación nova que demanda a implantación de zonas de lecer en familia ao aire libre. Por iso, e atendendo a esta petición, "longamente demandada pola veciñanza", o Concello acordou crear nesa zona, próxima ao centro social, un espazo de xogos infantís.

O expediente de contratación define a proposta como integradora, inclusiva, medioambientalmente sostible e respectuosa coa contorna; que permite e facilita o uso deste espazo verde ao aire libre por parte das familias e menores.

A proposta céntrase na creación dunha área de xogos dunha superficie mínima de 240 metros cadrados na zona superior do parque, cerca do edificio e da beirarrúa para facilitar o acceso, polo que contará cun valado de madeira protector fronte ao tráfico. A superficie cubrirase con pavimento de caucho continuo amortecedor fronte a posibles caídas, posibilitando a circulación con cadeiras de rodas. En canto aos xogos, posuirán un elevado contido lúdico e estarán deseñados de xeito que resulten estimulantes para a imaxinación infantil, ademais de serviren para o desenvolvemento físico e mental dos nenos e nenas.

Proxectos para a adecuación do Pazo de Raxoi para a realización de visitas turísticas e novos miradoiros no Monte do Pedroso

Outro dos asuntos acordados na sesión de hoxe foi a adxudicación do contrato que ten por obxecto o servizo de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a adecuación do Pazo de Raxoi, sede do Concello, para a realización de visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico á UTE RVR EZCURRA OUZANDE (REDONDO, VALLADARES Y RODRÍGUEZ, ARQUITECTOS SLP, e EZCURRA Y OUZANDE, ARQUITECTURA, SLP), cunha proposición económica de 276.626,57 € (base impoñible de 228.617,00 € máis IVE do 21% de 48.009,57 €).

Así mesmo, aprobouse o proxecto básico e de execución da obra de "Acondicionamento de espazos para miradoiros no Monte do Pedroso", de xuño de 2023, redactado polo enxeñeiro agrónomo D. Pedro Calaza Martínez, que conta cun orzamento de 180.533,03 € (149.200,85 € + 31.332,18 € de IVE) e un prazo de execución dous meses.

Cesión dos locais en San Pedro de Mezonzo para centros de persoas maiores e sociocultural

Goretti Sanmartín tamén deu conta da aceptación da adscrición ao Concello por un prazo de 25 anos de dous locais situados no número 17 da rúa de San Pedro de Mezonzo, na planta baixa, de 642 e 876 metros cadrados. "Dous locais que se reformarán para se converteren en centro para persoas maiores e tamén en centro sociocultural", sinalou a rexedora, co obxectivo de que "teñamos por fin ambos equipamentos".

Convenios e subvencións

No ámbito dos convenios, aprobouse o texto do convenio de colaboración para o ano 2023 entre o Concello de Santiago de Compostela e a entidade Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental pola contía de 5.000,00 € , así como o que se asinará con ASPAS pola contía de 6.000,00 €. Deuse luz verde á retención de 2.500 euros para destinalos á subvención nominativa da actividade Correlingua en Compostela 2022 da Asociación Cultural Correlingua.

Tamén se aprobou o convenio coa Federación Galega de Baloncesto, por importe de 10.000 € e tomouse coñecemento da sinatura, o 6 de xullo de 2023, do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e o Club Triatlón Santiago para o ano 2023.

Sen abandonar o ámbito deportivo, autorizouse provisionalmente para a tempada 2023/24 (do 18 de xullo de 2023 ao 30 de xuño de 2024) á Sociedade Deportiva Compostela o uso do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro e campo de adestramento de San Lázaro II. A cesión definitiva de uso destes recintos para a tempada 2023/24, quedará supeditada á existencia dun posterior acordo no que regule o custo e demais consideracións que procedan en base ao que se determine a nivel municipal no momento da aprobación dunha nova ordenanza en materia deportiva na que se deberá ter en conta o complexo na súa globalidade.

Designación de representantes en entidades locais

Nesta Xunta de Goberno tamén se acordou designar representantes municipais en Incolsa, Tussa e Mercagalicia:

Formarán parte do Consello de Administración da Sociedade Municipal Información e Comunicación Local, S.A. (INCOLSA):
- Dona María Baleato González e dona Nerea Barcia Guldrís (grupo municipal do
PP).
- Dona Míriam Louzao Fernández (grupo municipal do BNG).
- Don Gumersindo Guinarte Cabada (grupo municipal do PSdeG-PSOE).
- Dona María Rozas Pérez (grupo municipal de CA).

Pola súa banda, integrarán o Consello de Administración da Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, S.A. (TUSSA):
- Dona María Rosario Ferreiro Varela e don Adrián Villa Torres (grupo municipal do PP).
- Don Xesús Manuel Domínguez Domínguez (grupo municipal do BNG).
- Don Gonzalo Muíños Sánchez (grupo municipal do PSdeG-PSOE).
- Don Xan Duro Fernández (grupo municipal de CA).

Así mesmo, nomearónse representantes do Concello de Santiago de Compostela no Consello de Administración da Sociedade Mercados Centrais de Abastecemento de Galicia, S.A. (MERCAGALICIA) a:
- Don Borja Rubio Somoza (grupo municipal do PP).
- Don Manuel César Vila (grupo municipal do BNG).
- Dona Marta Abal Rodríguez (grupo municipal do PSdeG-PSOE).
O concelleiro do grupo municipal de CA don Xan Duro Fernández será convidado ás sesións do Consello de Administración.

Vixilancia na praza do Obradoiro

Na rolda de prensa, Goretti Sanmartín referiuse tamén "á preocupación xerada por certos actos incívicos e comportamentos pouco respectuosos por algunhas persoas que nos visitan". A este respecto, a alcaldesa anunciou un "reforzo policial" na praza do Obradoiro e inmediacións consistente nun coche patrulla e dous efectivos, ao que se sumará unha campaña específica de sensibilización difundida dende Turismo de Santiago tanto en orixe coma á chegada de turistas a Santiago.

A estas medidas sumarase unha rolda de contactos con todos os sectores implicados "para seguir avanzando no turismo consciente" e que se concretará nun foro especifíco no mes de setembro.

Compartir: