CAPITAL CULTURAL

O Teatro Principal acolle esta fin de semana a estrea de "O auto do Castromil"

04/07/2023 A compañía Excéntricas estreará este venres, 7 de xullo, o seu último traballo "O auto do Castromil" no Teatro Principal de Compostela. Esta obra, gañadora do III concurso de proxectos da Fundación Manuel María, está dirixida por Quico Cadaval, e protagonizada por un elenco de catro intérpretes formado por: Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, asistiu esta mañá á presentación do espectáculo.

"O auto do Castromil", gañadora do III concurso de proxectos que convoca a
fundación Manuel María, está coproducida por Producións Teatrais Excéntricas e o Centro Dramático Galego. Á presentación da súa estrea en Compostela, asistiu esta mañá a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director Quico Cadaval; Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez (elenco); Fran Núñez, polo CDG; e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros
dormen e talvez o conductor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos mais armas que o humor e o espirito antroidesco. O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente.

'O auto do Castromil' ofrecerá tres funcións, o 7, 8 e 9 de xullo no Teatro Principal de Santiago. A continuación, Excéntricas proseguirá a súa xira nos vindeiros meses con funcións na Mostra Internacional de Ribadavia (23 de xullo), na Mostra de Teatro de Cariño (15 de agosto), Sarria (10 de setembro), Narón (16 de setembro), Monterroso (23 de setembro), Pobra do Boullón (24 de setembro), Ames (6 de outubro), Foz (20 de outubro), Vilalba (21 de outubro), Ribeira (3 de novembro), Noia (4 de novembro), Arteixo (10 de novembro), Outes (18 e novembro) e Ortigueira (25 de novembro).

As entradas serán de balde e poderán adquirirse en www.compostelacultura.gal ou na Sala C en horario de martes a sábado, de 11h a 14h e de 16h a 19h.

Direccións relacionadas



Compartir: