XUNTA DE GOBERNO

O executivo local adxudica obras por un importe global de máis de 1,3 millóns de euros

03/07/2023 A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a adxudicación do contrato para a reurbanización da rúa García Lorca por un importe de 920.301,92 euros; das obras para a execución das dúas actuacións de "Pavimentación do lugar de Coira (Laraño)" e da "Pavimentación do lugar de Aradas (A Peregrina)", ambas financiadas con cargo ao POS+, por un importe de 122.414,02 € e 139.225,78 €, respectivamente. O contrato para a construción "Espazo interxeneracional no barrio de Sar" foi adxudicado por un importe de 126.984,82 €. En total, 1.308.926,52 euros. Ademais, deuse luz verde ao inicio da contratación de varios expedientes por un valor total de 673.386,09 euros, entre eles o de recuperación do Campus Sur.

A Xunta de Goberno local deu luz verde na sesión ordinaria desta mañá á adxudicación do contrato das obras de reurbanización da rúa García Lorca á empresa MOVIMIENTO DE ARIDOS Y CONSTRUCCIONES DE AROSA, S.L., por presentar a mellor oferta, cunha proposición económica presentada é de 920.301,92 euros. IVE incluído.

Coa reurbanización da rúa García Lorca, melloraranse as condicións de accesibilidade e procederase á substitución, renovación e/ou mellora das instalacións urbanas, como son as redes de abastecemento de auga, saneamento, distribución de enerxía eléctrica, rede de telecomunicacións e rede de abastecemento de gas.

As actuacións que se levarán a cabo no eido da accesibilidade serán, entre outras, a eliminación de obstáculos que dificulten os percorridos peonís, deseño de ramplas para salvar desniveis, continuidade de beirarrúas, ou renovación dos firmes e pavimentos que se atopen en mal estado. A maiores, vaise potenciar esta seguridade dispondo dun punto de luz ao comezo dos pasos de peóns, de xeito que o ilumine para que poida ser percibido mellor polo tráfico rodado.

En canto á praza de Celso Emilio Ferreiro, cun 80% da súa superficie ocupada por vehículos, proponse a creación dun espazo de aparcadoiro próximo e paralelo á rúa García Lorca. Un espazo pavimentado de vocación flexible, que poida ser utilizado pola Asociación de Veciños do Barrio de Vite, cuxo local se atopa nas inmediacións, para a celebración de actos, encontros, etc. que dinamicen a vida social da zona.

Espazo interxeneracional no barrio de Sar

O executivo municipal tamén acordou adxudicación do contrato que ten por obxecto as obras para a "Creación dun espazo interxeneracional no barrio de Sar", á empresa a ALCOMTE GALICIA SL que presentou unha proposición económica de 126.984,82 € (104.946,13 euros máis IVE).

O "Espazo interxeneracional no Sar" ubicarase nunha parcela situada entre a Ruta da Prata do Camiño de Santiago e a Calzada do Sar. Con esta actuación, o Concello pretende e crear un espazo interxeracional, cunha zona de xogos e de lecer con arboredo e zonas axardinadas, creando un espazo accesible que conte con iluminación apropiada.

Este espazo deséñase coa finalidade de que membros das xeracións máis novas e os de máis idade, compartan coñecementos e experiencias en aras dun beneficio mutuo. Con este fin deseñouse un proxecto que elimina os puntos críticos da parcela actual para xerar un espazo no que se integren unha serie de xogos para diferentes idades, que se integren na contorna, creando, ademais, unha zona de estancia con bancos e mesas con sombra, onde tamén se poidan desenvolver xogos de mesa, e outra zona chaira, con arboredo, na que se poidan levar a cabo xogos tradicionais, como as chapas, petanca, trompos, etc. Tamén está previsto instalar unha fonte e dotar de ilumibación ao lugar, complementándoa coa actual.

Obras no rural compostelán

No marco do ‘Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 - 1ª fase’, da Deputación da Coruña, tamén se deu luz verde á adxudicación das obras para a execución dos proxectos de "Pavimentación do lugar de Coira (Laraño)" por un importe de 122.414,02 €, IVE incluído, e da "Pavimentación do lugar de Aradas (A Peregrina)", por un importe de 139.225,78 €, IVE incluído. Ambas proxectos foron adxudicados á empresa, ALCOMTE GALICIA SL.

A Xunta do Goberno tamén deu luz verde ao proxecto de construción nos tramos rúa Camiños da Vida-rúa Follas Novas co fin de mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil na rúa Camiño dos Vilares, cun Orzamento Base de Lixitación de 92.730,52€, IVE incluído. O prazo de execución previsto é de dous meses.

Recuperación do Campus Sur para o cidadán

O executivo municipal tamén deu luz verde ao expediente de contratación das obras de execución do proxecto "Recuperación do Campus Sur para o cidadán" que conta cun investimento de 352.600,95 € . Este proxecto busca mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona do Campus Sur, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos a esta zona.

O ámbito de actuación céntrase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria", espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos. Un espazo que, situado na entrada da cidade histórica, é nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

O Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa. Tamén se reordenarán os xardíns e zonas verdes, nunha actuación que pretende impulsar este espazo para o ocio e o lecer dos veciños. Todo isto adaptando tamén o espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.

Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA). Encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural".

Outros expedientes de obras na cidade

Esta mañá tamén se aprobou o expediente de contratación das obras de execución do proxecto "Mellora da Accesibilidade ao barrio de Pontepedriña", cun orzamento base de licitación de 158.077,79 € (base impoñible de 130.642,80 € máis IVE do 21% de 27.434,99 €). Esta operación está incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado e cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España, 2014-2020.

Tamén se deu luz verde ao expediente de contratación das obras de "Rehabilitación de colector de saneamento da Avenida de Vilagarcía", cun orzamento base de licitación de 69.976,83 € (base impoñible de 57.832,09 € máis IVE do 21% de 12.144,74 €).

Administración electrónica

Tamén se aprobaron dous expedientes relativos a servizos de administración electrónica do Concello co fin de iniciar os procedementos de adxudiación dos contratos. Por unha parte, deuse luz verde ao expediente de contratación do servizo SaS (Software como servizo) de interconexión e rexistros (SIR) entre o Concello de Santiago de Compostela e o resto de Administracións Públicas, cun orzamento base de licitación de 32.670,00 € (base impoñible de 27.000,00 € máis IVE do 21% de 5.670,00 €), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Ademáis tamén se acordou a adxudicación do contrato do servizo de creación do portal web, da aplicación móbil e da intranet municipal do Concello de Santiago de RIAM INTERLEARNING LAB SL, que presenta unha proposición económica de 265.751,33 € (IVE incluído). Este contrato forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno local tamén acordou esta mañá a modificación da licenza de obra nova para a construción da residencia de maiores na parcela DOC EQ do Plan de Sectorización do SUNP-14 (Tras Paxonal) Rúa Monte do Seixo nº 21, cunha capacidade de 120 prazas, repartidas nun total de 39 cuartos dobres e 42 habitacións individuais. Co obxecto de facer as habitacións máis confortables e mellorar a accesibilidade e manexo de guindastres elevadores para discapacitados nas propias habitación ampliáronse as cruxías das habitacións no ancho do edificio, o que implica un aumento da superficie construída e da superficie ocupada, que pasa a ser de 9.530 m2 e 2.774,20 m2, respectivamente.

O edificio conta cunha planta semisoto cunha superficie construída de 1.159,10 m2. O volume sobre a rasante distribúese en planta baixa, cunha superficie de 2.4987,60 m2 e planta primeira, segunda e terceira, de 1.961,10 m2 de superficie cada unha. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado coa ordenanza 3 de equipamentos do Plan de sectorizacion do SUNP-14.

Tamén se aprobou definitivamente o prego de cláusulas administrativas particulares asinado o pasado 20 de xuño para a contratación do Servizo de implantación e posta en funcionamento do sistema de sinalética intelixente do patrimonio cultural da cidade de Santiago de Compostela, cun orzamento base de licitación de 597.539,49 € (base impoñible por importe de 493.834,29 € e IVE do 21% por valor de 103.705,20 €).

Documentos relacionados



Compartir: