ALCALDÍA

A alcaldesa e o arcebispo de Santiago abordan temas de interese para a cidade na súa primeira xuntanza institucional

03/07/2023 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o primeiro encontro institucional entre a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto. O reunión serviu para poñer sobre a mesa aqueles asuntos de relevancia para a cidade que afectan a ambas institucións.

A xuntanza transcorreu, como indicaron ambos mandatarios, nun ambiente de cordialidade e colaboración. A alcaldesa explicou que o obxectivo desta primeira xuntanza co arcebispo de Santiago foi "poñer en común liñas de colaboración naquelas cuestións que afectan ou interesan a ambas as dúas institucións nun marco de diálogo constante". Goretti Sanmartín expresou o seu agradecemento e "total disposición" e salientou a "amabilidade que demostrou desde o primeiro momento deste novo mandato municipal" o arcebispo.

"Para este goberno as relacións coa Igrexa, e cos seus representantes, se abordan co máximo repecto, como corresponde a unha institución sen a que non se entende a Compostela que coñecemos, que vincula a moita da nosa veciñanza, protagoniza a construción histórica desta cidade e rexe unha boa parte da nosa riqueza cultural e patrimonial".

Pola súa banda, o arcebispo agradeceu a acollida e salientou a importancia de manter os espazos de diálogo entre dúas institucións tan relevantes para Santiago.

A rexedora explicou que durante o encontro se abordaron temas como "a ordenación do sistema de acceso de visitantes á Catedral co fin de evitar aglomeracións e axilizar a entrada e saída; da apertura de espazos eclesiásticos que a veciñanza e tamén as persoas que nos visitan poidamos coñecer e gozar do patrimonio artístico que a Igrexa ten na cidade; da musealización do Panteón Real coa correcta identificación dos reis galegos; e da posible cesión de casas rectorais para usos veciñais". A este respecto, Sanmartín indicou que se designaron persoas responsables do seguimento de cada un dos asuntos anteriores en cada unha das institucións.

O arcebispo amosou a receptividade da institución que representa e indicou a importancia de darlle visibilidade ao patrimonio co que conta a Igrexa compostelá.

Acto institucional municipal do 25 de xullo

Os dous representantes tamén trataron a organización dos actos do 25 de xullo. Goretti Samartín confirmou que "como é tradición, o Concello continuará exercendo este labor protocolario" de organización do acto do 25 de xullo, "para o que tamén xa se puxo ao dispor da Casa Real".

Así mesmo, comunicoulle ao arcebispo a intención do goberno local de que o Concello celebre "un acto propio no que honrar a veciñanza compostelá dentro do día grande da festa desta cidade que é, á vez, o Día Nacional de Galicia e o Día do Apóstolo, ao que, por suposto, estarán convidadas todas as institucións".

O obxectivo deste acto, sinalou a rexedora, será "recoñecer o labor ou a traxectoria de persoas e entidades que destacan en diversos ámbitos", dándolle sentido ao papel de Santiago como capital de Galicia e meta de camiños de diálogo. "Queremos incluír este recoñecemento nunha data tan significativa para a propia cidade como capital do país na que acolle diversas celebracións doutros ámbitos institucionais e partidarios pero na que non contaba coa súa propia. O Día Grande de Santiago ampliará así as súas celebracións a máis sectores da veciñanza, ademais das autoridades xa convidadas habitualmente", subliñou. A idea de cara ao futuro é que se incorporen estes recoñecementos ao Regulamento de honras e distincións e que as persoas ou entidades agasalladas sexan propostas e aprobadas nos órganos colexiados que correspondan. "Este ano, por motivos de tempo, isto non será posible, mais estou segura de que serán merecentes da consideración e agrado de toda a sociedade compostelá".

No que respecta ao resto de actos do día 25, Goretti Sanmartín recalcou que exercerá "o meu papel como alcaldesa en todas as funcións de benvida e recepción propias do Concello, como anfitrioa, e tamén no acto da cidade que incorporamos ao programa. Con respecto á Ofrenda ao Apóstolo, como representante da cidade, e atendendo á condición de Estado aconfesional, a miña participación centrarase nos actos institucionais".

Nesta xuntanza co arcebispo coordinouse a axenda para garantir o desenvolvemento ordenado de todos os actos institucionais, "nun día complexo e completo de celebracións de diverso carácter na nosa cidade".

Compartir: