MEDIO RURAL

Apróbase de xeito definitivo o regulamento do Consello de Medio Rural

22/06/2023 O regulamento que define a estrutura e o funcionamento do Consello de Medio Rural do Concello de Santiago quedou hoxe definitivamente aprobado tras rematar o período de presentación de reclamacións e suxestións sen ter recibido ningunha achega. O documento final, publicado hoxe no BOP, define as funcións deste órgano colexiado e dótao de estrutura e regras de funcionamento co obxectivo de artellar a participación efectiva da veciñanza do rural nos asuntos municipais que lle afecten.

O regulamento de Consello do Media Rural, consensuado polo Concello coa Federación de Asociacións do Rural de Santiago (FERUSA), foi aprobado inicialmente polo Pleno municipal o pasado 30 de marzo. Tras a luz verde da Corporación, abriuse un prazo para a presentación de reclamacións e suxestións durante o que non se recibiu ningunha solicitude, polo que o regulamento quedou definitivamente aprobado.

O Consello do Medio Rural é un órgano colexiado de participación da cidadanía para a consulta, asesoramento, proposta e seguimento das accións para promover os intereses colectivos dos residentes no rural do Concello de Santiago. Así mesmo, entre os seus fins, está o de avaliar o cumprimento do Pacto polo Rural, asinado por todos os grupos da Corporación municipal o pasado 18 de marzo.

Coa súa posta en marcha, este órgano encargarase de canalizar a participación comunitaria nas materias que conforman o seu ámbito de actuación, así como o asesoramento e a elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

O Consello Municipal do Medio Rural estará integrado por unha presidencia, que ostentará a alcaldesa; unha vicepresidencia integrada por dous vicepresidentes/as, un deles a persoa titular da concellaría competente para asuntos de Medio Rural, e o outro designado polo Consello a proposta da presidencia; e os vogais: seis persoas que representen ás asociacións veciñais do ámbito rural do concello e un representante de cada un dos grupos políticos que integren a Corporación Municipal.

Compartir: