ACCIÓN CULTURAL

João Afonso trae a súa biblioteca persoal á SELIC

15/06/2023 O cantautor musicará clásicos das letras portuguesas, nunha xornada que contará tamén cun recital-concerto de Antía Otero, Faia Díaz e Benxamín Otero.

De poesía e música. Así é a programación coa que a SELIC enceta o fin de semana o próximo venres. João Afonso compartirá o seu libro-disco Livros, no que musica textos de grandes clásicos da literatura portuguesa. Antes, outro recital-concerto xuntara o Barroco de Antía Otero, cos acordes e melodías de Faia Díaz e Benxa Otero. Un paseo con Encarna Otero, as conversas con Ibrahim Bah e Alba Cid e a visita do IES de SAR completan a proposta coa que o Festival da Lectura se achega á súa recta final, marcada sen dúbida pola SELIC Criminal, a nova sección que poñerá no centro do debate a ficción negra.

As actividades darán comezo ás 16h30, coa visita do IES de SAR que presentará na carpa unha selección de libros autoeditados. Á mesma hora sairá da praza 8 de marzo o paseo "Mulleres en Compostela", no que Encarna Otero seguirá as protagonistas do seu libro homónimo por lugares representativos das súas vidas, como a Escola de Artes e Oficios, a Facultade de Historia ou Teatro Principal. Este paseo está organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

O espazo de conversas abrirao ás 17h00 Ibrahim Bah, autor de Tres días en la arena. Agareso trae este diálogo arredor dunha novela autobiográfica que narra o periplo migratorio sufrido por Bah, obrigado a fuxir de Guinea Conacry con 25 anos. Posteriormente, ás 19h00, teremos ocasión de reflexionar sobre o proceso de documentación na literatura a través dunha conversa entre Alba Cid e Xesús Fraga, que leva por título "Abrindo tesouros: do documental na literatura". Unha actividade que nos trae aCentral Folque, selo no que Cid ten publicado, en colaboración con outros autores, os volumes Tesouro espeleolóxico galego e A faia de Ponto.

Pero o venres vai de música e letras. Ás 18h00 haberá un recital-concerto de Antía Otero arredor do seu último poemario, Barroco (Apiario), no que a acompañarán Faia Díaz e Benxa Otero. Ás 20h00 subirá ao palco o cantautor mozambicano João Afonso para ofrecer un concerto centrado no seu Livros (Lusitanian Music). Este CD e libro ilustrado contén unha escolma de clásicos da literatura portuguesa levados á canción, un total de 14 pezas inéditas nas que o sobriño de Zeca Afonso percorre a súa biblioteca persoal, que conforman nomes como Alice Vieira, Mário de Carvalho, Hélia Correia ou Jorge Silva Melo. Non é a primeira vez que o cantor se achega deste xeito ao literario, pois xa traballara adaptando poemas en álbums como Sangue bom.

Cambios na programación

O paseo pola "Compostela Máxica", cancelado o pasado sábado, terá lugar o próximo sábado día 17 ás 16h30. Por outra banda, haberá un intercambio nas mesas de conversa da SELIC Criminal. Francisco J. Viegas participará na mesa do sábado, "Escenarios do criminal", mentres Diego Ameixeiras pasará á do domingo, "Atlántico Noir".

Direccións relacionadas



Compartir: