TURISMO

Música, obradoiros e queimada para celebrar San Xoán na Praza de Mazarelos

15/06/2023 A Praza de Mazarelos acolle a partires das cinco da tarde unha nova edición do Festival con actividades para todos os públicos.

Un ano máis, a praza de Mazarelos acolle o Festival de San Xoán, organizado por Turismo de Santiago co obxectivo de poñer en valor turístico a ampla tradición que teñen estas Festas nas que se organizan múltiples cacharelas e sardiñadas públicas nos barrios e parroquias de Compostela.

O Festival, que complementa ás actividades veciñais para o día de San Xoán, arrincará ás 17.00 horas da tarde na praza de Mazarelos, cun programa de actividades gratuítas que se pode consultar en santiagoturismo.gal.

De 17.00 a 18.00 h. haberá un obradoiro de Pandeireta a cargo de Serxio Cobos, e de seguido outro de Baile tradicional, de 18.00 a 19.00 h. A partir das 19.30 ata as 21.00 será o momento dos obradoiros de elaboración de Ramalletes de Herbas de San Xoán, cada 30 minutos.

Ás actividades na praza de Mazarelos hai que engadirlle o Roteiro Botánico de recollida de Herbas de San Xoán polas Brañas de Sar, no que os participantes aprenderán a recoñecer as sete herbas de San Xoán e os seus valores medicinais e protectores e recollerán un pequeno feixe co que realizar, durante a noite máxica, a tradicional Auga de San Xoán.

En paralelo a estes obradoiros, de cinco a sete da tarde haberá música de rúa, a cargo do grupo "Argalleiros". Ás sete haberá unha sesión de maxia, unha das principais novidades desta edición. E a partires das oito haberá dous concertos, o primeiro de Faíscas da Pontraga e o segundo, sobre as dez da noite, de Tiruleque.
Na praza haberá tamén un espazo específico para a cativada, o "Espazo Palleiro", que estará aberto durante todo o Festival. Ademais, ás 21.30, farase o tradicional conxuro, cunha degustación de Queimada de balde.

Para asegurar a praza nas distintas actividades é recomendable inscribirse a través de www.santiagoturismo.gal onde tamén se atopa o programa detallado do Festival, os horarios e paradas do Tren Cacharelo, que unirá os diferentes barrios onde se celebran algunhas das cacharelas máis populares da cidade, así como información de interese sobre os ritos e tradicións relacionadas co San Xoán.

Compartir: