ALCALDÍA

Esta tarde entréganse os premios do concurso escolar 'Coñece o teu concello'

15/06/2023 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolle esta tarde o acto de entrega de premios da nova edición do concurso escolar 'Coñece o teu concello', que organiza La Voz de Galicia coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. O alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, presidirá o acto no que se fará entrega dos diplomas aos escolares premiados nas categorías de debuxo e redacción.

O alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, presidirá hoxe ás 19 horas o acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras do concurso escolar "Coñece o teu concello", cuxo obxectivo é que os e as escolares aprendan máis sobre o seu concello mediante debuxos e historias. Este ano presentáronse arredor dun milleiro de traballos nas modalidades de debuxo (ata 8 anos de idade) e de redacción (de 9 a 12 anos) de rapaces e rapazas de 25 concellos, aínda que a maior parte dos traballos proceden de Compostela.

Na modalidade de debuxo, a gañadora foi Nora Antuña González, de 8 anos, alumna do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago), cunha panorámica da cidade, coa Catedral e un grupo de peregrinos. Os accésits son para Zoe Castro Rodríguez, de 8 anos, que estuda no colexio La Salle (Santiago), pola súa recreación da escaleira de caracol barroca do antigo convento de San Domingos de Bonaval; e para Teo Vidal López, de tan só 5 anos e alumno do Colexio Plurilingüe Vilas Alborada (Santiago), que debuxou en acuarela a noria de Santa Susana.

Na categoría de redacción o primeiro premio foi para Amelia Álvarez Méndez, de 10 anos, do colexio Manuel Peleteiro (Santiago), e os dous accésit foron para Nazareth Pías Martinón, de 10 anos, do Chester College (Santiago); e Antonia Castro Castro, de 11 anos, tamén do colexio Manuel Peleteiro.

Compartir: