ACCIÓN CULTURAL

Christina Rosenvinge "debuta" na SELIC cunha lectura-concerto

14/06/2023 Marga Tojo e Samuel L. París incendiarán cun recital o palco da SELIC, nun xoves no que tamén percorreremos a "Compostela gótica" de Suso de Toro.

O xoves da SELIC vén marcado pola visita ao festival de Christina Rosenvinge, que presentará nunha lectura concerto o seu libro Debut. Na xornada prenderá todo un incendio poético co recital de "Duoversos" (Marga Tojo e Samuel L. París), internarémonos na Compostela gótica de Trece badaladas e achegarémonos ás obras de Xavier Lorenzo Tomé e Charo Pita.

Suso de Toro será o guía no paseo do día 15, que sairá ás 16h30 da Igrexa de San Fiz de Solovio para percorrer "A Compostela gótica", con Trece badaladas como libro de cabeceira. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza esta andaina que nos permitirá entrar dentro do intrigante universo do autor, perseguindo os pasos desta escura novela a través da cidade. Esta actividade forma parte da nova sección que o Festival da Lectura estrea nesta sétima edición, a SELIC Criminal.

As conversas na carpa comezarán ás 17h00 cun diálogo a tres banda entre Xavier Lorenzo Tomé, autor de Piñeiro, o aviador e o sr. Verne (Positivas), Raúl Gómez Pato e Francisco Macías. Centrará o coloquio a novela realista de Tomé que, con fotografías incluídas, reivindica a figura dun dos pioneiros da aviación galega.

Ás 18h00 a narradora Ana Griott acompañará á autora Charo Pita para parolar ao redor de Del cacao al chocolate, unha aventura publicada por Ediciones Libros de las Malas Compañías, que co dóce como leitmotiv relata os cambios lentos e complexos que se produciron no mundo ao longo da Historia. A esa mesma hora, o escritor Héctor Pose estará no posto da Libraría Palacios co bolígrafo preparado para asinar A urnas das cartas (Hércules de Edicións).

Cara a última hora, os versos de Marga Tojo e Samuel L. París incendiarán o palco da SELIC co recital "Duoversos". A cacharela lírica prenderá ás 19h00, co combustible dos poemarios Arder, Inflamable, e Internacional de Poesía Anarquista, todos editados por Positivas. Se o escenario resiste este lume, pechará a xornada o pop-rock indie de Christina Rosenvinge, cunha lectura-concerto arredor do seu libro Debut (Random House). Alén das letras da cantautora, o volume recolle un conxunto de textos e reflexións que testemuñan unha carreira musical que cruzou décadas, fronteiras e estilos. A obra remata co ensaio "La palabra exacta", no que Rosenvinge indaga na arte de tecer verbas e melodías en verso cantado.

Cambios na programación

O paseo pola "Compostela Máxica", cancelado o pasado sábado, terá lugar o próximo sábado día 17 ás 16h30. Ademais, o venres 16 ás 16h30 sairá da praza 8 de marzo o paseo "Mulleres en Compostela", con Encarna Otero, actividade que por un erro non figura no programa impreso. Por outra banda, haberá un cambio nas mesas de conversa da SELIC Criminal. Francisco J. Viegas participará na do sábado, "Escenarios do criminal", mentres Diego Ameixeiras pasará á do domingo, "Atlántico Noir", en troques da do sábado.

Direccións relacionadas



Compartir: