ACCIÓN CULTURAL

A SELIC ofrece unha performance para coñecer a Chévere e o seu papel

13/06/2023 Na xornada de mañá tamén terá lugar unha homenaxe polo centenario do berciano Antonio Pereira, con Juan Carlos Mestre e Cuco Pérez.

O mércores 14 de xuño será unha xornada na que a SELIC se aproxime a outra forma de ler teatro, marcada pola presentación-performance "O papel de Chévere". Igualmente, o Festival da Lectura renderá homenaxe ao poeta e narrador berciano Antonio Pereira, con dúas actividades que traen ao presente a súa obra. Un paseo criminal con Lito Vila Baleato, a visita do IES Rosalía de Castro e unha conversa con Xosé Manuel Beiras completan o programa para unha xornada que promete momentos inesquecibles.

A nova sección do festival, a SELIC criminal, vai quentando motores xa desde mañá co paseo "Morte no Campus Vida", unha das tres andainas que se enmarcan neste apartado das ficcións máis escuras. Lito Vila Baleato guiaranos polas localizacións da novela Campus Morte de Editorial Galaxia, desde a Balaustrada do parque da Alameda (miradoiro do Campus Vida). Esta actividade sairá ás 16h30 e está organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Á mesma hora, a SELIC recibirá a visita dun novo centro de ensino. Neste caso trátase do compostelá IES Rosalía de Castro, que presentará no marco do festival a súa revista Ronsel. Ás 17h00 Xosé Manuel Beiras abrirá o espazo de conversa do día, arredor do seu libro Retratos en fite (Laiovento), no que o escritor e político pretende, a través dunha escolma de textos e con algúns debuxos de Pepe Carreiro, facer un "recordatorio sentimental colectivo" que remite no título aos Retratos de esguello de Luís Seoane.

Ás 18h00 dará comezo a homenaxe a Antonio Pereira que a SELIC, en colaboración coa fundación que leva o seu nome, desenvolverá polo centenario do seu nacemento. Recoñecido especialmente polos seus relatos breves e a súa faceta como narrador oral de "filandón", foi premiado co Torrente Ballester por Las ciudades de poniente (1994). Ademais, Antonio Pereira, nado no Bierzo e criado no seu bilingüismo fronteirizo, mantivo relación coa literatura galega ao longo da súa vida. No acto de lembranza participarán o poeta Juan Carlos Mestre e músico Cuco Pérez, para logo emprender, ás 19h00, cunha lectura dramatizada da súa obra (Editorial Siruela).

A xornada literaria remata ás 20h00 con "O papel de Chévere", un repaso en forma de performance da obra publicada pola compañía. Arredor dos 35 anos de axitación cultural que recolle Kalandraka, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron achegarannos á súa particular maneira de entender o teatro e a vida. Como exactamente? Teremos que deixarnos sorprender.

Compartir: