DEPORTES

Santiago acolle o Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas 2023

13/06/2023 Tras superar un longo proceso de selección, Santiago alzouse como a cidade seleccionada para albergar o Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas 2023, un fito histórico para España nesta disciplina. 800 deportistas procedentes de 34 países participarán nesta competición que se desenvolverá no Pavillón Multiusos Fontes do Sar do 26 de xuño ao 2 de xullo.

O Pavillón Multiusos Fontes do Sar acollerá entre o 26 de xuño e o 2 de xullo esta cita de primeiro nivel que se organiza por segunda vez en España, tras a celebración dun campionato do mundo júnior no ano 1991 en Barcelona como proba de experiencia de cara a os XXOO de 1992. O Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas foi presentado esta mañá no Pazo de Raxoi nunha rolda de prensa que contou coa presenza do alcalde en funcións, Xosé Sanchez Bugallo; a concelleira de Deportes en funcións, Esther Pedrosa; José Ramon Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte; Francisco Javier Iglesias Serna, presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas e Pablo Pintos Figueroa, director do torneo.

Nesta cita histórica en Santiago, os datos melloran os de Roma 2022, cun total de 800 inscritos procedentes de 34 países para as 3 modalidades deportivas postas en liza:

- Loita Grecorromana: que se disputará do 26 ó 28 de xuño.
- Loita Libre Feminina: que se disputará do 28 ó 30 de xuño.
- Loita Libre Olímpica: que se disputará do 29 de xuño ó 02 de xullo.

A concelleira de Deportes en funcións, Esther Pedrosa, salientou que a celebración deste evento "garantirá a presenza durante unha semana de preto de 1.500 persoas, entre competidores, técnicos, árbitros e acompañantes, que poderán gozar non só da parte deportiva, se non que tamén poderán gozar do atractivo turístico de Santiago".

Pablo Pintos, director do proxecto calificou este evento como unha "cita histórica para Santiago que está espertando un interese moi notable entre os países estranxeiros, os deportistas das Seleccións Españolas e os propios Clubs Galegos que se poden achegar a unha cita continental de primeiro nivel, moi preto da súa casa".

Presenza galega

A Selección Española participará con 15 deportistas, 5 en cada modalidade deportiva, dos que 2 serán representantes galegos, que pasaron ou continúan cunha bolsa no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra: Alessandro Iemma en 57kg, do club Ciudad de Vigo; e Moisés Bello Álvarez en 79kg do Club San Ignacio de Vigo. Estes deportistas están adestrando ás ordes de Rubén Méndez e Marcos Miragaya Lama que tamén estarán presentes neste europeo como técnicos nacionais, para dirixir aos seus deportistas.

Tamén habrá un representante galego no colectivo arbitral de primeiro nivel, Marcos Araujo Pereira do colexio da Federación Galega e pertencente o Club San Ignacio de Vigo.

Anteriormente Galicia xa acolleu grandes citas continentais e mundiais como Campionato de Europa U20 en Pontevedra en 2019, os Campionatos do Mundo de Loita Grappling U17, U20 e Absoluto e os do Mundo de Loitas Olímpicas U23, que se celebraron en Pontevedra en 2022.

Este evento está organizado polas Federacións Española e Galega de Loita e contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación de Coruña e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Compartir: