ACCIÓN CULTURAL

O dúo Caamaño-Ameixeiras tócalle a Álvaro Cunqueiro na SELIC

12/06/2023 O concerto, con lectura de textos do mindoniense, está organizado pola Fundación Carlos Casares, que trae tamén á SELIC a arte dos decimeiros con Kongo Kimbiza.

A xornada do martes na SELIC virá marcada pola colaboración do festival coa Fundación Carlos Casares, que nos deixará unha tarde de diálogos e reflexións nos que o recitar cantado dos demiceiros ou a música do dúo Caamaño-Ameixeiras terá tamén un oco. Igualmente, camiñaremos tras as pegadas do Seminario de Estudos Galegos e teremos oportunidade de analizar a divulgación literaria a través das redes sociais.

Con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, MAOS Innovación Social percorrerá nun paseo os lugares vencellados á institución na cidade, e a través deles os principais fitos da súa historia. Sairá ás 16h30 desde o antigo domicilio de Armando Cotarelo Valledor na rúa Concepción Arenal, onde se asinou a acta fundacional o 23 de outubro de 1923, a andaina pasará por lugares como a Facultade de Xeografía e Historia; o IES Rosalía de Castro, onde tivo o seu primeiro local; ou o Pazo de Fonseca, que acolleu no seu Salón Artesoado a súa segunda e última sede do Seminario, así como o seu museo ata xullo de 1936.

A libraría Lila de Lilith organiza ás 17h00 unha mesa de conversa na que Tamara P. Rodríguez (@lectoralila), Adela Dios Touriñán (@mazadahorta) e Nee Barros (@neeumatiko) discutirán sobre a "Literatura a través de reels". Esta achega permitiranos comprender o papel da crítica e da divulgación literaria nas redes, achegándonos ao labor e aos desafíos de ser bookgramer.

A partir das 18h00 desenvolverase "Coordenadas ‘23 - De luares e menceres", un espazo para o diálogo que chega á SELIC froito da colaboración do festival coa Fundación Carlos Casares. A actividade está organizada en tres bloques. O primeiro estará protagonizado pola estrea do videoensaio María Xosé Porteiro. As letras na maleta, de Ricardo Araújo e Laura Guizán. Posteriormente, haberá un coloquio coa propia María Xosé Porteiro, o xornalista Alberto Avendaño e a escritora Llerena Perozo.

O segundo bloque dará comezo ás 19h00 baixo o título "Ecos doutros Fisterres: os decimeiros no Pacífico colombiano". A conversa conduciraa neste caso o escritor Mauricio Chaves Bustos, coa presenza do decimeiro Carlos Rodríguez "Kongo Kimbiza", que compartirá connosco esta senlleira forma de literatura oral. Por último, ás 20h00, achegarémonos á "Vida galante en Álvaro Cunqueiro", guiados pola escritora Inma López Silva a través dunha selección de textos do mindoniense acompañados da música do Dúo Caamaño-Ameixeiras.

Direccións relacionadas



Compartir: