POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela acolle a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio

12/06/2023 As xornadas, organizadas pola Coordinadora Galega de ONGD, celébranse o 15 e 16 de xuño co apoio do Concello de Santiago a través do proxecto Compostela+Solidaria. Neste Cumio participan profesionais dos colectivos maldita.es, La Intersección e AlgoRace, así como organizacións galegas e activistas do Sur Global.

A cidade de Santiago acolle os días 15 e 16 de xuño a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio. Unha cita impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD no marco de Compostela+Solidaria, un programa financiado polo Concello de Santiago a través de Unidade de Atención ás Migracións-UAMI.

O Cumio conta tamén coa colaboración da Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU), e das organizacións EAPN-Galicia, Agareso e Ecos do Sur.

O obxectivo destas xornadas é entender as dinámicas que sosteñen o discurso de odio en todas as súas formas. Pero tamén achegar recursos, experiencias inspiradoras e testemuños dos que aprender en dous ámbitos moi concretos: a educación e as organizacións e movementos sociais.

O discurso de odio no ámbito educativo

O xoves 15 de xuño é unha xornada especialmente dirixida a comunidade educativa e equipos técnicos de Educación para a Cidadanía Global, coa ponencia "Educando na diversidade".

Nela participarán Ovidio Villar, docente e impulsor de numerosas iniciativas no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Sonia Díaz, técnica de Educación para a Cidadanía Global de Agareso, e Marta G. Franco, hacktivista e xornalista do equipo de La Intersección e iniciativas como @nolesdescasito.

A xornada do 16 de xuño desenvólvese en horario de mañá e tarde (09:00-14:00 e 15:30-17:00) e está aberta a organizacións e colectivos sociais diversos, así como a persoas con interese na comunicación, a tecnoloxía ou a educación.

Intelixencia artificial, narrativas e VR

O programa ofrece o venres 16 dúas ponencias: a da xornalista e investigadora Paula Guerra Cáceres, co-coordinadora do colectivo AlgoRace e a da xornalista Vivian Rangel, investigadora e docente de maldita.es.

Paula Guerra Cáceres foi presidenta de SOS Racismo en Madrid e actualmente analiza e investiga o racismo estrutural e as súas consecuencias, ademais de colaborar de maneira regular con diversos medios. No Cumio presentará o informe de AlgoRace "Una introducción a la IA y la discriminación algorítmica para movimientos sociales", nunha charla titulada "A importancia de desracializar a IA" (09:30-10:30)

Vivian Rangel está especializada en Alfabetización Mediática. Tras varios anos adicada ao xornalismo e a docencia, actualmente pon en práctica o seu eido de especialización en Maldita Educa, onde trata de combatir a desinformación desenvolvendo estratexias para un pensamento crítico. Na súa intervención abordará esta cuestión coa ponencia "A desinformación e a loita contra os discursos de odio en materia migratoria" (12:00-13:00).

Intercambio de experiencias inspiradoras

Estas dúas ponencias complétanse cun intercambio de experiencias inspiradoras e boas prácticas (10:30-11:30 e 13:00-14:00) facilitado por EAPN-Galicia.

Nesta dinámica participarán as organizacións Fagamos, Down-Galicia, Érguete, fundación Juan Soñador, IGAXES, fundación Secretariado Xitano, Agareso, EAPN, Ecos do Sur e a fundación Esplai.

Tamén aportará o seu testemuño a esta actividade Ibrahim Bah, autor do libro "Tres días en la arena", no que narra o seu propio periplo migratorio dende Guinea Conakri, de onde fuxiu por causas políticas, ata España. Pola tarde Ibrahim Bah participará, da man de Agareso, nunha conversa arredor do seu libro na SELIC de Compostela.

Ademais, a ONGD Ecos do Sur aproveitará o espazo do Cumio para compartir a experiencia de realidade virtual inmersiva The Machine To Be Another. Un proxecto concebido para poñerse, literalmente, na pel dunha persoa migrante, e que a ONGD galega vén de activar coa organización Be Another Lab.

Conexión co Sur

A sesión do venres complétase cunha última ponencia colectiva, en horario de tarde, con testemuños e estratexias contra o odio desenvolvidas por activistas en Latinoamérica (15:30-17:00), que participarán en liña:

- Yeni Karina Aguilar é, dende os 18 anos, activista medioambiental e iso, en Honduras, implica asumir graves riscos. De feito ela está integrada nun programa de protección oficial de defensores, insuficiente para garantir a súa seguridade. Para contextualizar ben a súa situación, hai que dicir que Honduras é, segundo Amnistía Internacional, o país máis perigoso de Centroamérica para a defensa do territorio. Dende o asasinato de Berta Cáceres en 2016, alomenos 43 activistas foron asasinados.

- Bea Salazar exerce a súa labor activista en El Salvador, no seu caso a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e, en xeral, contra a violencia estrutural que sofren. A súa labor focalízase na recollida de información sobre asasinatos machistas e violencias contras as mulleres. Ademais, traballa tamén na defensa do dereito ao aborto, nun país cunha lexislación especialmente restritiva e cruel con mulleres e nenas. Bea foi unha das protagonistas da colección Defensoras de Dereitos, concretamente do volume titulado Á procura da luz e ten participado en xiras de concienciación en Galicia.

- Grecia Villalobos é unha muller trans defensora dos dereitos humanos, feminista, docente e técnica de desenvolvemento territorial e liderado da asociación Comcavis Trans. Unha organización civil que traballa en El Salvador defendendo os dereitos de todas as persoas LGTBI e doutros perfís sen apoio na procura de igualdade e inclusión. El Salvador é un dos países de Centroamérica máis perigosos para o colectivo, exposto a todo tipo de violencias e persecución. Por esta situación, moitas persoas vense obrigadas a fuxir, xerando un fluxo migratorio de especial inseguridade, violencia e dureza.

Todas as actividades do Cumio celébranse no edificio CIEDUS (ata hai pouco CEA) da Universidade de Santiago, na Finca de Vista Alegre.

Pódese atopar máis información e o formulario de inscrición na web da coordinadora.

Direccións relacionadas



Compartir: